O Consello da Xunta autorizou este xoves o decreto polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Sanxenxo de dous treitos das estradas autonómicas PO-308 e PO-364, ao seu paso polo núcleo de Portonovo.
Esta transferencia de titularidade responde ao recollido no acordo de colaboración asinado entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Sanxenxo para humanizar a estrada autonómica PO-308 en Portonovo.
Co fin de acadar un funcionamento da rede viaria máis acorde ás necesidades do municipio debe materializarse a transferencia do dominio público viario asociado, agás calzada e beiravías.
Mediante este convenio impúlsase unha ambiciosa actuación para transformar en rúa a contorna viaria do núcleo de Portonovo, grazas a un investimento de 2,3 millóns de euros, dos cales a Xunta achegará o 70%, é dicir, 1,6 millóns, mentres que o importe restante correrá a cargo do municipio.
O Concello de Sanxenxo comprometeuse a aceptar a transferencia de titularidade de todo o dominio público asociado, agás a calzada e as beiravías, do treito da PO-308, entre os puntos quilométricos 18+940 e 19+760; e do treito inicial da PO-364, entre os puntos 0 e 0+300, que constitúe o acceso ao porto de Portonovo.
A entidade local, ademais, é responsable de redactar o proxecto e de contratar as obras, que teñen un prazo de execución de 15 meses. O obxectivo é inicialas en setembro para non prexudicar a actividade turística durante o verán e telas rematadas o vindeiro ano.
Co cambio de titularidade aprobado este xoves polo Consello da Xunta, o Concello terá a competencia para actuar nestes treitos e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.