As escolas infantís públicas de Bueu e Vilaboa comezarán o curso con instalacións reformadas

Vilaboa
27 de agosto 2024

Para supervisar estas actuacións, o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou estes centros acompañado de representantes das respectivas corporacións

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, na escola infantil de Bueu
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, na escola infantil de Bueu / Xunta de Galicia

O alumnado das escolas infantís públicas de Bueu e Vilaboa arrincarán este próximo curso cunhas instalacións reformadas. Unhas obras que están a executar ambos os Concellos sufragadas polo goberno autonómico. Para supervisar estas actuacións, o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou estes centros acompañado de representantes das respectivas corporacións.

Na escola infantil de Bueu están a renovarse as zonas de xogo. Substitúese o revestimento por un novo de caucho que reforzará a seguridade, mellorará a estética deste espazo e introducirá xogos visuais. Ademais estanse ampliando as zonas verdes, mellorando os accesos e a circulación polo propio centro.

Na escola infantil de Vilaboa están a instalarse tarimas de vinilo en aulas e outras dependencias para igualalas ás xa existentes no patio interior. Está a renovarse a estética das fachadas e instalando un dispositivo para aumentar a presión da auga corrente. O montante económico da actuación que se realiza en Bueu supera os 36.000 euros e no caso de Vilaboa supera os 19.000 euros.

Este próximo curso 2024-25 é o terceiro que a Xunta financia integramente a matrícula en todas escolas infantís para idades de cero a tres anos. Unha medida que de acordo ás cifras do goberno galego beneficia a máis de 32.000 familias.