As escolas galegas asociadas á Unesco reúnense en Pontevedra

Pontevedra
25 de febreiro 2016

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle este xoves e mañá venres o VI Encontro Galego das Escolas Asociadas á Unesco "Identidade, Cultura e Diálogo" no que participarán de maneira activa 168 alumnos de entre 12 a 18 anos, (estudantes desde segundo de Primaria a primeiro de Bacharelato), xunto con 20 docentes e acompañantes

VI Encontro Galego das Escolas Asociadas á Unesco
VI Encontro Galego das Escolas Asociadas á Unesco / Mónica Patxot

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle este xoves e mañá venres o VI Encontro Galego das Escolas Asociadas á Unesco "Identidade, Cultura e Diálogo" no que participarán de maneira activa 168 alumnos de entre 12 a 18 anos, (estudantes desde segundo de Primaria a primeiro de Bacharelato), xunto con 20 docentes e acompañantes. O encontro tamén terá como observadores a cinco membros da Universidade do Baixo Miño.

Trátase dun evento no que se promoven valores como a educación para a cooperación e a paz, o traballo en equipo ou o respecto polo medio ambiente, e que este ano ten como anfitrioa á cidade de Pontevedra.

Durante a súa inauguración o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, expresou a súa confianza "nos pequenos de hoxe que mañá gobernarán" e lembrou que desde o Concello trabállase a favor da construción dunha Pontevedra "onde as persoas, todas as persoas, son o máis importante".

Os participantes neste encontro da Unesco están a traballar en cinco talleres: Relatividade, Mediación; Atlántico, no que deseñarán as liñas de actuación para o proxecto promovido polas escolas galegas con outras de Portugal e Cabo Verde; Patrimonio que inclúe percorridos a algúns pontes da cidade e o taller de Presentación onde expoñerán os traballos desenvolvidos nos comités Unesco.

Os alumnos do VI Encontro estudan nos seguintes centros: CEIP Isidora Riestra (Poio), CEP Campolongo (Pontevedra), CEIP San Bieito (Lérez), CEP Marcos da Portela (Pontevedra), Colexio Eduardo Pondal (Cangas), IES Pedra da Auga (Ponteareas), IES Pazo da Mercé (As Neves) e IES Luis Seoane (Pontevedra).