O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, deu conta este venres en rolda de prensa dos novos achados feitos nas escavacións no convento de Santa Clara que finalizarán este mes de setembro.
Os traballos feitos polo equipo de arqueoloxía veñen de revelar que o claustro, que a día de hoxe só conserva dúas pandas ou lados, tiña en orixe polo menos un máis na zona oeste que foi derrubado. Baixo terra atopáronse pavimentos empedrados, e na zona exterior restos dun tellado que voaba sobre o xardín da fonte e tamén cicatrices do enlace coa edificación.
Con estas descubertas resólvese un dos enigmas sobre a singularidade do claustro de Santa Clara, diferente ao doutras construcións relixiosas que adoitaban pechaban con catro corredores de galerías unha zona central axardinada.
Nas sondaxes non se encontraron evidencias de que o cuarto lateral fose construído, polo que seu deseño orixinal sería en forma de U con dúas alas simétricas en dirección sur.
Mosquera tamén explicou nesta comparecencia que os estudos de paramentos revelaron que no muro interior paralelo ao de Barcelos existen ‘ventanucos’ abucinados similares ás saeteras.
Estes, sen poder determinar de momento se foron construídos pola orde das monxas ou anteriormente, tiñan moi probablemente un carácter defensivo, xa que a parte externa é estreita e a interna máis larga. As aperturas están a día de hoxe colmatadas e recheas de pedras.
Ata fin de mes a equipa arqueolóxica realizará traballos complementarios para confirmar datos e teorías sobre algún elemento concreto.
Unha vez a faena de campo remate nos vindeiros días intensificarase o labor de documentación e priorizarase a de análise e redacción de informes.