As escavacións de Santa Clara descobren enterramentos en numerosas zonas do recinto conventual

Pontevedra
24 de agosto 2022

César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, calcula que pode haber máis de dous mil corpos inhumados neste espazo situados a distintos niveis. Ademais, o representante institucional indicou que os traballos de investigación permiten confirmar que a entrada orixinal ao convento situabáse cara a Barcelos, no punto contrario ao acceso actual

César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra
César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, sinalaba este mércores que as escavacións que se acometen no claustro de Santa Clara ofrecen a aparición de numerosos enterramentos a distinto nivel en diversos puntos do recinto conventual. 

O representante provincial manifestou que este espazo é unha "auténtica caixa de sorpresas" ao sinalar que, ademais do cemiterio datado no século XX, distintas zonas eran utilizadas para a inhumación de cadáveres como a horta, o claustro, o interior da igrexa, debaixo da entrada ou o refectorio utilizado posteriormente como cuadras.

Sinalou que non se van a escavar todas as zonas nas que se detectan restos humanos a través do xeo-radar. No lateral do claustro identificáronse 26 enterramentos, todos eles con sudario e non en caixas. Trátase de corpos de distintas épocas, mesmo previos ao século XVI. Neste sentido, César Mosquera apuntaba que ademais das monxas tamén eran enterradas outras persoas de fóra do convento que, por exemplo, cederan pertenzas ás clarisas. 

Realizando cálculos Mosquera sinalou que o número de soterramentos no convento ao longo dos seus 750 anos de historia supere amplamente os 2.000 corpos, pero a cifra concreta é moi difícil determinala, explicou.

Tamén apareceron inscricións con datas e o vicepresidente provincial anunción que a Deputación está a punto de realizar unha reconstrución do convento por séculos, indicando cada un dos cambios que se rexistraron neste edificio. Apuntou que a entrada orixinal atopábase na zona fronte a Barcelos, no punto contrario ao acceso actual ao convento. Posiblemente, sinalou, esa entrada mantívose ata o século XVII. 

Os traballos de análises deste recinto mostran os numerosos cambios que experimentou ao longo da súa historia. César Mosquera expón que cambios tan profundos son pouco habituais noutros conventos similares.