As empresas que participen na misión comercial pagarán a súa viaxe e a súa estancia en México

Pontevedra
19 de xuño 2017

A vintena de empresas que o Concello espera que integren a misión comercial a México, o próximo mes de agosto, deberán asumir o custo das súas respectivas viaxes e da súa estancia na capital azteca, México DF. Así o asegurou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, tras ser interpelado polo portavoz do PP, Jacobo Moreira, sobre os detalles desta delegación

Jacobo Moreira e Miguel Anxo Fernández Lores, antes de comezar o pleno
Jacobo Moreira e Miguel Anxo Fernández Lores, antes de comezar o pleno / Mónica Patxot

A vintena de empresas que o Concello espera que integren a misión comercial a México, o próximo mes de agosto, deberán asumir o custo das súas respectivas viaxes e da súa estancia na capital azteca, México DF. Así o asegurou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, tras ser interpelado polo portavoz do PP, Jacobo Moreira, sobre os detalles desta delegación.

Iso si, Fernández Lores engadiu que "vamos a gastar o que faga falta" para que esta misión comercial sexa un éxito e as empresas aproveiten ao máximo esta experiencia.

Moreira cuestionou ao alcalde sobre esta misión comercial, que o mesmo asegurou celebrar "porque é o que pediamos sempre", ao entender como unha "torpeza" anunciala publicamente sen convocar ás organizacións empresariais e non facilitar información da mesma ao resto da corporación ou aos membros do Consello Económico e Social (CES).

"Non dubidamos que a viaxe sairá ben pero será grazas ás empresas que se están involucrando", sinalou o portavoz do PP, que reclamou ao alcalde saber que empresas integrarán esta misión comercial, cal é o obxectivo e a axenda da viaxe e canto custará ás arcas municipais, entre outras cuestións.

O alcalde explicou que esta misión comercial "non está pechada" e o Concello está "falando con empresas" que mostraron o seu interese en acudir a México para abrir novas vías de negocio ou fortalecer as que xa existen. Todas elas poderán participar na feira Expopymes, entre os días 23 e 25 de agosto.

Lores destacou que México é un país "emerxente" e un mercado interesante para que as empresas de Pontevedra poidan realizar un intercambio comercial e serán estas as que decidan se a viaxe "se axusta" ás súas liñas de negocio, unha vez se peche a axenda. "Xa veremos o que sae de aí", engadiu o alcalde.

En todo caso, irán empresas interesadas "sexan ou non de Pontevedra", xa que o alcalde reiterou que a cidade "non é unha illa" e as sinerxias co resto das Rías Baixas poderían ser positivas. Quen non estará, avanzou o rexedor, é da DO Rías Baixas, que xa celebrará un showroom en setembro na capital mexicana e declinou a oferta.

Arquivado en