O Pazo Provincial acolle desde este martes a oficina de asesoramento legal individualizado a afectados por preferentes ou débeda subordinada. Aínda que calquera afectado da provincia poderá achegarse a esta oficina para que se estude o seu caso concreto, a Deputación Provincial e a Unión de Consumidores de Galicia abrirán tamén desde mañá e no mesmo horario (de luns a venres e de 10.00 a 14.00 horas) outras 8 oficinas en distintos puntos da provincia.
A oficina situada no Pazo Provincial atenderá fundamentalmente a afectados da comarca de Pontevedra e aos concellos máis próximos. O obxectivo é que os milleiros que foron enganados coa comercialización destes produtos híbridos teñan o máis próximo posible un punto de asistencia xurídica, para evitarlle desprazamentos.
Este punto de asesoramento legal ten como obxectivo reforzar a atención aos que foron enganados coa comercialización de produtos híbridos, de forma que os interesados en recibir información detallada tanto sobre as quitas e o troco dos seus produtos por accións, como sobre a vía da arbitraxe ou as posibilidades dun recurso xudicial poderán dirixirse a esta oficina, onde serán atendidos de forma gratuíta.
As oficinas permanecerán abertas, inicialmente, ata o 18 de agosto, pero o prazo de atención aos afectados poderá ampliarse en función da demanda de asistencia que se reciba.