As novas restricións implantadas pola incidencia da covid-19, especialmente o peche perimetral de Pontevedra, e o aumento dos controis fixeron aumentar de maneira exponencial as denuncias presentadas pola Policía Local.
Ao longo desta fin de semana -as medidas entraron en vigor o venres-, os axentes propuxeron para sanción a 75 persoas na cidade.
Nove destas denuncias foron a persoas que non respectaron o peche perimetral. Foron detectadas nos trece controles realizados, oito propios da Policía Local, dous en conxunto coa Policía Nacional e tres coa Policía Local de Marín. Controláronse 1.089 vehículos.
Ata 28 das persoas denunciadas foron por reunirse máis de catro persoas sen ser conviventes e outras 28 por exceder o horario de peche da hostalería. Sete denuncias foron por non levar máscara e dúas por desobediencia aos axentes.
A Policía Local tamén denunciou a un local, supostamente dunha asociación segundo explicou a propietaria, por ter xente no seu interior consumindo fose do horario de peche da hostalería.
Ademais, outras oito denuncias foron presentadas entre o luns 11 e o xoves 14 de xaneiro, das cales cinco foron por non utilizar máscara, dúas por desobediencia a un axente da autoridade e unha por beber na vía pública.