As demandas da Lama e os outros concellos galegos con cárcere chegan a Madrid

A Lama
07 de maio 2024

Mantiveron unha reunión este martes coa Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias. Estes concellos sinalan que están prestando varios servizos públicos aos centros que lles supoñen un importante custo ás arcas municipais e polos que non percibe ningún tipo de ingreso do Estado

Alcaldes de A Lama, Curtis, Outeiro de Rei, Monterroso e Pereiro de Aguiar en Institucións Penitenciarias
Alcaldes de A Lama, Curtis, Outeiro de Rei, Monterroso e Pereiro de Aguiar en Institucións Penitenciarias / Concello de A Lama

Os alcaldes dos cinco concellos galegos con cárcere elevaron este martes á Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias as súas demandas polos gastos que lle supón ter estas instalacións no seu municipio. 

A situación afecta aos alcaldes da Lama, Curtis, Outeiro de Rei, Monterroso e Pereiro de Aguiar e reuníronse en Madrid con responsables deste departamento.

No encontro tratáronse varios asuntos en relación á afección e incidencia que supón para cada un dos municipios contar cun centro penitenciario.

Estes concellos sinalan que están prestando varios servizos públicos aos centros penitenciarios que lles supoñen un importante custo ás arcas municipais e polos que non percibe ningún tipo de ingreso do Estado.

Os rexedores solicitaron a compensación económica equivalente ao importe que se debería percibir polo IBI en cada concello, e outra partida polo impacto que supón nos medios de comunicación e na sociedade as noticias por cumprimento de penas, como se perciben noutros concellos de España.

Segundo a información facilitada polo Concello da Lama, a proposta foi recollida "con certa receptividade" polos representantes do Goberno central e comprometéronse a trasladala ao Ministerio de Facenda.