As deficiencias dos edificios principais do Museo, a punto de corrixirse

Pontevedra
03 de maio 2014

A Deputación Provincial sacará a licitación no vindeiro mes de xuño as obras de remodelación dos edificios Castro Monteagudo e García Flórez. Con estes traballos preténdese corrixir as deficiencias dos que foron os primeiros inmobles do Museo, pero tamén mellorar e adaptar todas as súas instalacións (electricidade, fontanería...) ás necesidades actuais, renovar as salas e proceder a unha nova musealización

Primeiro edificio do Museo de Pontevedra
Primeiro edificio do Museo de Pontevedra

As deficiencias que presentan na actualidade os dous inmobles centrais do Museo de Pontevedra teñen xa os días contados. A Deputación Provincial anunciou este sábado que sacará a licitación no vindeiro mes de xuño as obras de remodelación dos edificios Castro Monteagudo e García Flórez.

Con estes traballos preténdese corrixir as deficiencias dos que foron os primeiros inmobles do Museo, pero tamén mellorar e adaptar todas as súas instalacións (electricidade, fontanería...) ás necesidades actuais, renovar as salas e proceder a unha nova musealización.

As actuacións chegan despois de terse dado xa por rematadas as obras do Sexto Edificio e do Sarmiento e pretenden a recuperación total das instalacións museísticas.

O edificio Castro Monteagudo, un pequeno pazo do século XVIII situado fronte á praza da Leña, foi a primeira sede do Museo. O inmoble está datado en 1760 e, segundo a documentación existente, foi edificado por José de Castro y Monteagudo, primeiro auditor na Provincia Marítima de Pontevedra.

Nas obras de restauración do inmoble para destinalo a sede do Museo influiu Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, patrón fundador, que dirixiu varias cartas ao tamén fundador Francisco Javier Sánchez Cantón con ideas sobre sobre as reformas que debían facer e pedíndolle a súa intercesión ante o arquitecto Juan Argenti Navajas e o director Casto Sampedro y Folgar.

O segundo edificio do Museo foi o García Flórez. En 1943, unha vez adquirido, remodelouse tanto este como a fachada fachada norte do pazo de Castro Monteagudo e construiuse a ponte que actualmente une as dúas edificacións.