O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, a concelleira de Igualdade, Rosana Martínez, a técnica de Igualdade, Marga Taboada e a directora do Centro de Información á Muller (CIM), Cristina García, presentaron "Abrindo costuras", a campaña do 8M que neste 2024 está centrada na historia das mulleres costureiras do concello.
Con esta campaña preténdese visibilizar a historia das mulleres costureiras, a súa aportación a vida laboral, ó mundo dos coidados ou a creación de redes de sororidade entre mulleres.
A directora do CIM subliñou na presentación que "durante anos as mulleres se afastaron da costura por simbolizar a sumisión e o confinamento ao fogar, que simboliza a agulla e o fío"
"Mais nestes tempos onde toca abrir costuras e deconstruir o patriarcado, coser amósase non só como un saber útil que proporciona autonomía, senón tamén como un espazo de resiliencia ante o consumo desaforado, e un poder transformador para ganduxar feminismo e sustentabilidade", engadiu.
PROGRAMACIÓN
Baixo esta temática a programación que se inclúe neste 8M de Soutomaior é moi ampla e diversa. Comeza a actividade o día 6 de marzo coa primeira convocatoria do Consello Feminista Municipal, recentemente aprobado no pleno da corporación.
Nesta mesma xornada pola tarde, terá lugar o obradoiro "Fiando a nosa historia feminista" da artista téxtil mexicana Maritza Berttolini.
O xoves 7 de marzo terá lugar a proxección do documental "María a das mil flores" popularmente coñecida en Soutomaior como María "a Coxa" unha peza audiovisual, de Raquel Fernández e de Coral Piñeiro, que ilustra quen foi María e a importancia do seu legado.
Despois da presentación do documental chegará a quenda do faladoiro "Abrindo costuras", dirixido por Cristina García, directora-psicóloga do CIM e no que estarán tres veciñas de Soutomaior vencelladas co mundo da costura: María Josefa Martínez Portela, Pilar Viceiro Filgueira e María Benita Pardal Barreiro. Unha cita que tamén contará coa actuación do músico Marcelo Dobode.
O Día Internacional da Muller, o 8 de marzo, terá lugar a colocación da placa conmemorativa na Avenida Xosé Solla de Arcade, unha placa realizada pola artista local Paula Pereira.
Xa pola tarde dese 8M terá lugar unha das citas máis destacadas da programación co concerto de Caamaño & Ameixeiras no Centro de Benestar Integrado (Multiusos) ás 20:00 horas. Será de balde ata completar o aforo.
O xoves 14 a programación continuará co obradoiro de "Upcycling glamour to quilt" impartido por A Canalla. As inscricións serán on line tanto para este obradoiro como para o de "Fiando a nosa historia feminista".
E o xoves 21 de marzo pecharase a programación do 8M coa proxección de 'Fíos fóra' de Illa Bufarda ás 19:00 no Multiusos, con posterior faladoiro de "Retos feministas da costura na actualidade" que contará coa presencia de Adriana P.Villanueva, co-directora do documental, Adanegra textil, ASAIA filosofal, La Canalla (textil e moda artesanía de galicia) e FENTO (Plataforma de divulgación a moda sostible galega).