O ciclo de conversas En3vistas, desenvolto no mes de agosto, foi una aposta do Concello de Pontevedra pola normalización da lingua galega e a procura de novos referentes en diversos eidos culturais e sociais, materializada nun programa de conversas e encontros que trouxo até a Boa Vila unha serie de nomes de relevancia para afondar no significado da lingua no día a día.
Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística, destacou no seu día que que o obxectivo do ciclo era "amosar a lingua que se vive, que se fala, e coa que se traballa con total normalidade como parte da sociedade. Doutra banda, queremos coñecer a relación das persoas de diferentes eidos coa lingua".
Logo de ser gozadas en directo, con público presencial ao aire libre en diferentes puntos da cidade, mais tamén a cuberto, no Teatro Principal; e mesmo en streaming, a segunda edición de En3vistas poderá ser visualizada en diferido no YouTube, como un xeito de traer de volta esta experiencia, aplaudida por todos os asistentes no momento da súa realización, os cales gozaron duns encontros amenos, entretidos e, por que non, divertidos.
As conversas, moderadas pola xornalista do Diario de Pontevedra Chus Gómez do Rego, estarán desde este mediodía dispoñíbles para a súa visualización, podendo ser revividas polos asistentes do pasado verán ou vistas por vez primeira por esas persoas que non puideron estar de xeito presencial.
Moda, arte, ciencia, televisión, teatro e música. Diferentes eidos e diferentes persoeiros, que hoxe poden ser de novo escoitados. As conversas dispoñíbeis son as seguintes: Álex Regueiro e María Viqueira, Mounqup e Masakazu Shida, Iria Veiga e Darío Lago, Carlos Blanco e David Amor, Pili Pampín e Ortiga.