"A presenza de Ence na Ría de Pontevedra non afecta á produción marisqueira, xa que é unha das rías de Galicia con mellor evolución nas vendas de moluscos bivalvos", así de contundente é un dos parágrafos do comunicado elaborado pola Federación provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra, despois do encontro que mantiveron os patróns e patroas maiores das confrarías de Bueu, Portonovo, Sanxenxo, Raxó, Pontevedra, Lourizán e Aldán- Hío en representación de ao redor de 1.400 profesionais afiliados.
A posible anulación da concesión de Ence por parte do goberno preocupa a este sector e o presidente da Federación, José Manuel Rosas incluirá o tema da continuidade da fábrica pasteira na ría de Pontevedra na orde do día das próximas reunións dos órganos de goberno da entidade que preside.
No comunicado afirman que o principal problema de contaminación na ría atópase nas verteduras fecais procedentes da rede de saneamento ao entender que conta con "importante deficiencias de abastecemento, cunha depuradora defectuosa de augas residuais (EDAR de Os Praceres) ou mesmo cunha inexistente ou ficticia depuración (EDAR de Poio)".
E engaden que, segundo a opinión maioritaria das Confrarías da Ría de Pontevedra, "a Biofábrica de Ence situada en Lourizán está a cumprir cos parámetros esixidos en materia ambiental, non estando demostrado que contribúa á contaminación que poida presentar a Ría de Pontevedra na actualidade". Aseguran ademais que "a día de hoxe a súa localización non supón risco algún para a produción pesqueira e marisqueira. Máis ben o contrario, pois se envorcou na recuperación e na sustentabilidade da Ría de Pontevedra, adquirindo compromisos que se están a cumprir de forma real e manifesta".
Neste sentido citan o apoio que a empresa de Juan Luís Arregui ofreceu a través do Plan Social, a posta en marcha da Mesa pola Ría de Pontevedra para analizar a calidade das augas, o Plan Estratéxico de Ence, ademais do fomento e mantemento de emprego por parte da entidade.
"A día de hoxe a súa localización non supón risco algún para a produción pesqueira e marisqueira. Máis ben o contrario"
Aínda que os patróns maiores entenden que a instalación da fábrica en 1958 non foi a máis axeitada, un traslado da pasteira agora "tampouco sería acertado nin asumible, a non ser que de forma previa dispóñase dunha alternativa real para un novo emprazamento e que en calquera caso debería de ser na provincia de Pontevedra".
RECUPERACIÓN DA PRODUTIVIDADE DOS BANCOS MARISQUEIROS
En canto a datos, as confrarías indican que a Lonxa de Campelo, en Poio, ascenderon en 2018 a 724.304 kg. cun importe bruto que ascende a 7.462.370 euros. Unha cifra que supera en dous millóns a obtida durante 2017, converténdose na segunda máis elevada durante os últimos 18 anos.
Sinalan que na última década produciuse unha recuperación da produtividade dos bancos marisqueiros do fondo da ría pasando de 2,5 millóns en 2007 a 7,5 millóns de euros en 2018.
A lonxa de Campelo en 2018 foi a terceira máis destacada en Galicia por comercialización de marisco, só detrás de Noia e Carril.
Engaden que 441 persoas, cun 61,5% de mulleres, traballan no marisqueo a pé no interior da ría pontevedresa, sendo a segunda máis importante despois da ría de Arousa en canto a número de persoas habilitadas con Permex de marisqueo a pé.
José Manuel Rosas, Carmen Vázquez, Iago Tomei, César Rodríguez, Sauro Martínez, Juan José Besada e Juan Manuel Gregorio conclúen o comunicado asegurando que en Pontevedra poden convivir perfectamente Ence e os sectores produtivos da pesca e o marisqueo porque medioambientalmente queren o mesmo.
Desta forma, manifestan o apoio e solidariedade coas reivindicacións dos traballadores da empresa de celulosa ao considerar que non está demostrado que Ence supoña unha ameaza para o seu medio de vida.