As confrarías da ría agardan coñecer os resultados dun proxecto experimental de dragaxe autónoma

Pontevedra
02 de setembro 2018

As probas arrancaron o pasado mes de maio fronte ao Porto de Marín. O proxecto, denominado E-Corydora, quere desenvolver un equipo eficiente que minimice os custos e os tempos de operación, e que ademais sexa ecoloxicamente respectuoso reducindo o impacto ambiental

Equipo submarino de dragaxe autónoma (ESDA)
Equipo submarino de dragaxe autónoma (ESDA)

As confrarías do fondo da ría de Pontevedra, Lourizán, San Telmo e Raxó, agardan coñecer os resultados do proxecto experimental de dragaxe autónoma impulsada por un consorcio do que forman parte as empresas: Centro de Investigacións Submarinas (CIS), Subsea Mechatronics, Nodosa e Nodosafer.

As probas arrancaron o pasado mes de maio fronte ao Porto de Marín. O proxecto, denominado E-Corydora, conta co apoio técnico da fundación Cetmar e de dous grupos científicos da Universidade de Vigo. A idea é desenvolver un equipo eficiente que minimice os custos e os tempos de operación, e que ademais sexa ecoloxicamente respectuoso reducindo o impacto ambiental.

Para iso empregan un robot monitorado con cámaras de vídeo, é dicir, un equipo submarino de dragaxe autónoma (ESDA) alimentado desde unha pontona e que conta con capacidade de desprazamento mergullado polo fondo e capacidade de dragaxe por aspiración de materiais do leito.

O proxecto inclúe unha monoboia de vertedura en mar aberto para augas profundas que se instalará na zona destinada ao depósito dos materiais de dragaxe e que permite o baleirado dos materiais de dragaxe conducidos mediante unha tubaxe ata as proximidades do leito, de maneira que a vertedura se faga en modo ecolóxico e minimizando o impacto ambiental.

Finalmente o equipo complétase cun gánguil pasivo de transporte (GPT) que recolle os materiais de dragaxe na proximidade da pontona e os transporta por medios auxiliares (remolcador ou similar) ao momento de baleirado.

O programa E-Corydora desenvólvese de maneira independente ao proxecto de dragaxe do Lérez que ten desde hai anos sobre a súa mesa Portos de Galicia.