O sector pesqueiro e marisqueiro galegos están atravesando un dos invernos máis duros dos últimos trinta anos, con cuantiosas perdas económicas provocadas polo cese de actividade ante os contínuos temporais, pola mortandade de moluscos bivalvos debido ao incremento de auga doce procedente das chuvias, polos desperfectos nas embarcacións e nas artes e aparellos de pesca e, sobre todo, pola baixada xeralizada nos prezos de primeira venda dos produtos en lonxa ante a situación de crise económica actual.
A Federación provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra, emitiu un comunicado no que critica que "a pesares destes infortunios, na Administración Central non se ten concencia desta difícil situación dos pescadores, como o demostra incrementando as taxas de navegación para as embarcacións adicadas á pesca de baixura ou de litoral".
O pasado 25 de xaneiro o BOE publicou o Real Decreto Lei 1/2014, do Ministerio de Fomento, de reforma en materia de infraestruturas e transporte e outras medidas económicas. No que respecta ás embarcacións de pesca artesanal pasan de abonar unha taxa anual de 14,50 euros a 28,50 euros, polo que se lle incrementa o pago en preto dun 100%.
"Coa que está caíndo é de todo inxusto e indigno a aplicación deste tipo de impostos"
Por isto, as confrarías manifestan que "coa que está caíndo é de todo inxusto e indigno a aplicación deste tipo de impostos, sendo ademáis esixido de forma obrigatoria polas Capitanías Marítimas para o despacho das embarcacións e sen terse en conta que cando operan no interior das rías, non fan uso da sinalización como axuda da navegación".
"De feito non se entende que, por unha banda, as Federacións de Confrarías soliciten o apoio e a mediación do goberno autómico para que se articulen medidas económicas coas que axudar ao sector pesqueiro a sair desta situación de agobio financiero, e, por outra, se estea atosigando e asfixiando de forma contínua ao dito sector co cobro de tributos de todo inxustos e abusivos", di o escrito que asina o seu presidente José Antonio Gómez.
Dende a Federación de Confrarías de Pontevedra instarase ante Federación Galega de Confrarías o tratamento e análise deste e doutros asuntos relacionados co pagamento de taxas por parte dos armadores, para esixir a súa exención e/ou ben o seu aprazamento, segundo o caso.