Representantes da Organización galega de Comunidade de Montes denuncian que a Xunta de Galicia está a adoptar directrices que van en contra da figura do monte veciñal coa intención de beneficiar ás empresas forestais privadas.
O 9 de febreiro celebrouse unha asemblea en Lugo de representantes das Comunidades de Montes na que decidiron instar aos grupos políticos galegos que trasladen aos foros da Unión Europea o recoñecemento á propiedade veciñal dos montes galegos ante o temor de que dende a administración autonómica poida rematar por trasladar 250.000 hectáreas de terreos á xestión privada.
E é que, segundo denunciou o presidente da Organización galega de Comunidade de Montes, José Alfredo Pereira, se están a desenvolver situacións tan insólitas como que o Xurado provincial de Montes de Pontevedra volveu iniciar o expediente relacionado coa Comunidade de Montes de Noalla a petición do Concello do Grove despois de que hai dez anos unha sentenza tivese declarado eses terreos como propiedade dos veciños da parroquia de Sanxenxo.
Pereira non entende esta decisión porque "sempre dixeron que era unha sentenza que só podía botar abaixo outra sentenza civil" e engadiu que "o Xurado provincial non actúa porque si, pero depende da Consellería". Dende as Comunidades de Montes consideran que esta decisión senta un precedente moi perigoso e, segundo José Alfredo Pereira, puiden supoñer o "roubo do monte veciñal" e sinalou que así se busca favorecer determinadas actividades especulativas relacionadas con biomasa ou plantación de determinadas especies arbóreas.
Pereira e Claudio Quintillán concluíron apuntando que "esta Xunta ten como obxectivo rematar con este tipo de propiedade".