As 'cidades que camiñan' centran a súa mirada en Pontevedra durante os dous próximos días

Pontevedra
15 de outubro 2014

Entre os asistentes xa confirmados encóntranse representantes de municipios como Irún, Torrelodones, Mahón, Santiago de Compostela, Ponferrada, ou Torres Vedras (Portugal), universidades como a Autónoma de Barcelona, a Europea de Madrid ou a da Coruña

Vista aérea da cidade de Pontevedra
Vista aérea da cidade de Pontevedra /

Máis de cen expertos en materia de mobilidade e accesibilidade reúnense a partir deste xoves no Pazo da Cultura de Pontevedra para participar na segunda edición do congreso Cidades que camiñan. Destacan dende a organización que, durante dous días, os asistentes terán a "oportunidade única" de coñecer "un dos mellores exemplos europeos" no fomento da cultura de camiñar.

Entre os asistentes xa confirmados encóntranse representantes de municipios como Irún, Torrelodones, Mahón, Santiago de Compostela, Ponferrada, ou Torres Vedras (Portugal), universidades como a Autónoma de Barcelona, a Europea de Madrid ou a da Coruña. Ademais, tamén asistirá a título particular, entre outros, unha deputada de Esquerda Unida no Congreso.

As actividades comezarán o xoves cunha xornada especial dedicada ao proxecto de camiños escolares. Correrá a cargo do intendente xefe da Policía Local, Daniel Macenlle. Nela participarán tamén Pedro Pérez, un experto en mobilidade peonil, e Eva Puche, psicóloga ambiental. Ademais, celebrarase a asemblea xeral da rede de Ciudades que Caminan, na que participarán os municipios asociados.

Xa pola tarde, realizarase unha visita técnica polas rúas de Pontevedra. Partirá ás 17.30 horas da Praza de España e consistirá nunha visita guiada destinada a coñecer de primeira man as políticas de seguridade vial, accesibilidade universal e mobilidade sostible desenvolvidas na cidade.

O congreso propiamente dito terá lugar o venres, a partir das 10.00 horas. A conferencia inaugural impartiraa Adolfo Baloira, pneumólogo do Hospital Montecelo, que disertará sobre saúde e cidade. Ao longo da mañá haberá tamén unha mesa redonda sobre as políticas mobilidade de Pontevedra, un obradoiro sobre como considerar os peóns no deseño urbano dunha cidade, ou unha sesión técnica sobre a innovación na mobilidade.

Tras a comida ofrecida pola organización, haberá un debate sobre as políticas municipais para o fomento da mobilidade peonil no que participarán concelleiros de Irún, Torrelodones, Mahón e Torres Vedras; unha mesa redonda sobre os beneficios da cidade 30 e outra sesión sobre proxectos concretos de mobilidade.

Ás 19.30 horas terá lugar a sesión de clausura na que Pontevedra cederá a testemuña á cidade portuguesa de Torres Vedras, localidade que acollerá a seguinte edición do congreso.

Arquivado en