As chaves do centro cultural de Forzáns que o Concello de Ponte Caldelas decidiu cambiar días atrás por estar en desacordo co uso das instalacións están agora en mans de tres colectivos da parroquia, a asociación centro cultural de Forzáns, a asociación cultural O Torreiro e a Comunidade de Montes de Forzáns.
Despois de cambiar a pechadura, o Concello de Ponte Caldelas entregou as chaves do aos tres colectivos da parroquia. En concreto, entregaron unha copia á presidenta da asociación centro cultural de Forzáns, Celia Belmonte, e outra ao presidente da asociación cultural O Torreiro, Antón Xil. O presidente da Comunidade de Montes de Forzáns, Marcial Álvarez, está previsto que a recolla a vindeira semana, pois non puido recollela este mércores por cuestións laborais.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, lembrou que a utilización da Casa do Pobo Municipal é gratuíta e os tres colectivos de Forzáns asinan un documento no que asumen a responsabilidade dun bo uso do edificio.
Todos os gastos de luz, seguros, mantemento, reparacións e wifi corren a cargo do Concello e o alcalde destaca que coa entrega das chaves ós tres colectivos garántese o acceso libre e gratuíto a todos os veciños de Forzáns.
O Concello de Ponte Caldelas decidiu cambiar a pechadura polo uso que lle daba a asociación O Torreiro, que preside o tamén cabeza de lista do PP, e este mércores explicou que recibe de xeito constante queixas veciñais por un uso irresponsable do edificio, polo trato desigual á maioría dos veciños de Forzáns e polo pago de cotas para o uso do local municipal. Estes cobros fainos un determinado colectivo do cal o concello non quixo dar o nome, pero si que quixo aclarar que "nin é responsable nin ten nada que ver".
Andrés Díaz lembra que Ponte Caldelas é un concello cun tecido asociativo moi amplo, con moitas casas do pobo e a el gústalle que todas se usen, canto máis mellor, porque é símbolo de actividade.