O Concello de Poio solucionou 367 incidencias en 2023 a través de Liña Verde, unha ferramenta na que a veciñanza pode comunicar as incidencias que se producen no municipio de xeito rápido e doado.
A cantidade de avisos que rexistra a veciñanza continúa en aumento, o que demostra que esta ferramenta está cada vez máis implantada. En canto ao tempo de resposta en aportar unha solución, conseguiuse mellorar con respecto ao ano anterior, e reduciuse, de media, de 14 a 7 días.
O maior incremento de incidencias deuse no primeiro semestre do ano, que rexistrou 68 avisos máis que en 2022, cifra que se contivo nos últimos seis meses, nos que se rexistraron 29 máis que no mesmo período do ano anterior. Con todo, os meses de máis avisos foron os de verán, no que Poio aumenta de xeito notable a súa poboación, e tamén os de xaneiro, maio e xuño.
Con respecto á tipoloxía de avisos, o alumeado público é o que recibe maior número de notificacións, seguido das beirarrúas e calzadas, e recollida de lixo. Pero a través de Liña Verde tamén se recollen avisos de recollida de mobles, limpeza de maleza, cans abandonados, limpeza, parques e xardíns, tráfico e mobilidade, mobiliario urbano, vehículos abandonados, seguridade cidadá ou vertidos ao mar, entre outros.
Calquera veciño pode acceder a esta ferramenta a través dunha aplicación gratuíta no móbil ou ben na páxina web www.lineaverdepoio.com, ou como chamando ao número de teléfono 902193768, en horario de 8.00 a 17.00 horas. Unha vez rexistrada a incidencia, o veciño será notificado de calquera cambio no seu estado.