As carpas de Ponte Xogos na Alameda tampouco agardarán polas luces de Nadal

Pontevedra
29 de novembro 2022

Non será só o mercado de abastos o que se adiante ás luces de Nadal. As festas serán visibles tamén na Alameda antes de que a iluminación engalane o resto das rúas de Pontevedra. Será a través do programa municipal Ponte Xogos, que ultima xa a súa montaxe

Inicio dos traballos de decoración de Nadal na praza de abastos
Inicio dos traballos de decoración de Nadal na praza de abastos / Concello de Pontevedra

Non será só o mercado de abastos o que se adiante ás luces de Nadal. As festas serán visibles tamén na Alameda antes de que a iluminación engalane o resto das rúas de Pontevedra. Será a través do programa municipal Ponte Xogos, que ultima xa a súa montaxe.

Nos próximos días comezarán a instalarse as carpas nas que se desenvolverán as actividades pensadas para os máis pequenos da casa. Serán iniciativas das que os nenos e nenas poderán gozar de xeito gratuíto, a cambio dos recibos de compra no comercio local.

A idea dos organizadores, o departamento municipal de Promoción Económica, é a de instalar instalar diversas carpas con decorados e iluminación de Nadal, repartindo nelas as actividades en función das idades recomendadas para os participantes.

"Deixaremos unha Alameda fermosa e agardemos que todo estea listo para gozar xa para despois da ponte da Constitución", afirmou a concelleira Yoya Blanco.

Este avance da programación de Nadal súmase ao que xa adiantou PontevedraViva. Que o mercado de abastos estreará xa a súa decoración esta mesma fin de semana.

Os traballos de ambientación, nos que se investirán uns 40.000 euros, xa comezaron a ser visibles. Corren a cargo das firmas especializadas Inbloom, Grupo Xesdavi e Begoña Méndez Iribarren, as encargadas de despregar todo un universo de fantasía na praza de abastos.

"Será unha decoración absolutamente espectacular coa que poderemos sacar a primeira foto do Nadal de Pontevedra a partir desta fin de semana", subliña a edil socialista.

Así, o decorado estará protagonizado por tres peixes artísticos con iluminación interior (un de 2,50 metros de lonxitude e outros dous dun metro) que se instalarán na fachada.

Haberá ademais  tres esferas inchables de oitenta, sesenta e cincuenta centímetros de diámetro, unha burbulla photocall de dous metros de diámetro cunha mensaxe de Feliz Nadal e recubriranse as bancadas de peixe cun tecido de veludo fantasía en cor verde.

A ambientación completarase cunha montaxe central que combinará bolas de fantasía con bolas verdes de vexetación no gastroespazo, instalacións laterais de musgo vermello e amaranto nas zonas de acceso, árbores para as ventás ou un arco realizado con elementos vexetais colgantes para dar sensación de túnel na entrada principal.

Con respecto á iluminación, o mercado contará con quince focos LED, seis bolas de espellos de cincuenta centímetros e cinco de vinte centímetros, un microLED no arco de entrada e seis tiras de lámpadas de dous metros.