As axudas europeas para a rehabilitación suscitan o interese veciñal

Pontevedra
31 de marzo 2022

Máis de cen veciños e técnicos da cidade de Pontevedra interesáronse en coñecer as axudas para rehabilitación residencial Fondos Next Generation UE na xornada organizada por Coatpo

Xornada informativa Programas de axudas en materia de Rehabilitación Residencial dos fondos europeos Next Generation
Xornada informativa Programas de axudas en materia de Rehabilitación Residencial dos fondos europeos Next Generation

Máis de 100 persoas, entre veciños da cidade de Pontevedra e técnicos interesados e vinculados no sector da rehabilitación, participaron este mércores na xornada informativa Programas de axudas en materia de Rehabilitación Residencial dos fondos europeos Next Generation, que tivo lugar no Pazo de Cultura de Pontevedra.

A charla informativa foi organizada polo Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Pontevedra (Coatpo), que preside Manuel Rañó, en colaboración co Concello de Pontevedra, o Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos e o Colexio de Administradores de Fincas de Galicia (Coafga).

"Estamos sorprendidos polo interese que espertou a charla sobre rehabilitación residencial entre a poboación de Pontevedra e entre os expertos que están chamados a xestionar e a impulsar este tipo de axudas que están a chegar e chegarán procedentes da Unión Europea", asegura Manuel Rañó, presdiente do Coatpo.

Este Colexio Oficial exponse a posibilidade de organizar outras xornadas informativas noutros puntos da provincia, como Vilagarcía de Arousa ou Lalín. 

"A cidadanía de Pontevedrá está moi implicada e concienciada na eficiencia enerxética; demostraron interese en coñecer cales son os beneficios dunha rehabilitación residencial e nas axudas que poden obter dos fondos Next Generation", apuntou Rañó. 

O presidente do Coatpo agradeceu a acollida e ofrece o apoio do Colexio para quen desexe "coñecer os requisitos para optar a este tipo de axuda".  Na súa opinión, "é unha oportunidade única" para quen pretenda mellorar a eficiencia enerxética da súa vivenda. 

Manuel Raño convida a quen non acudiu e estea interesado nas axudas en ver a gravación da charla na canle de Youtube do Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Pontevedra.

A presentación da xornada informativa Programas de axudas en materia de Rehabilitación Residencial dos fondos europeos Next Generation correu a cargo de Manuel Rañó. Os relatores foron María José Paniagua Mateos, arquitecta técnica e xefa do servizo de Calidade de Edificación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), e José Manuel Grandío Rodríguez, arquitecto técnico e coordinador da Comisión de Rehabilitación Enerxética do Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos.