As avoas son as superheroínas e as fouciñas a súa arma contra o machismo

Pontevedra
27 de febreiro 2019

As avoas convírtense nas protagonistas da nova campaña do 8M do Concello, deseñada polo humorista gráfico Luis Davila. Nesta entrega, o símbolo feminista aparece modificado para representar unha fouciña coa que acabar co machismo.

Presentación do cartaz do 8M do Concello
Presentación do cartaz do 8M do Concello / PontevedraViva

A campaña gráfica arredor do 8M do Concello viu a luz na mañá deste mércores. Carmen Fouces, concelleira de Cultura, amosou o seu agrado co resultado da mesma "é o que fai falta no momento necesario".

A campaña está a cargo do recoñecido humorista gráfico Luis Davila, con "Dora a Desbrozadora" como protagonista.

Dora representa "á mítica avoa galega" co seu mandil de cadros e pañoleta. É "unha muller valente e pouco impresionable" e representa "o espírito das mulleres e nais loitadoras". Trátase dunha superheroina galega, coa súa bata e pañoleta a modo de traxe, que busca a igualdade definitiva para as mulleres. Dora está desbrozando e desbroza todo tipo de inxustizas sociais.

Como elemento gráfico distintivo e novedoso, o símbolo feminista aparece modificado para adaptarse á forma dunha fouciña, a poderosa arma das avoas contra o patriarcado, algo dun simbolismo profundo e que promete quedarse entre nós longamente. A mensaxe péchase coa inquisición que fai a muller á lectora: "Moza! Fai coma min e desbroza!" mentres sustenta a fouciña triunfante contra as silveiras que atrancan, onde se le a palabra "Machismo". A ilustración convida a imitar á protagonista e levantar as armas contra as inxusticias machistas, ás que hai que cortar de raíz.

O día 8 de marzo repartiranse chapas coa ilustración do cartaz nas Prazas da Peregrina e da Ferrería, nun día que se espera sexa festivo e reivindicativo, como ten sido nos últimos anos.

En caso de querer asistir á manifestación do 3 de marzo en Lugo, a mobilización que servirá como imaxe do movemento feminista galego, o Concello pon a disposición un bus gratuito no que aínda quedan algunhas prazas. Para solicitalo, é preciso poñerse en contacto coa concellería de Igualdade. Os horarios de saída están previstos para as 8.30 na Capela de San Roque e ás 8.45 no Mercado de Abastos. A volta está prevista para as 16:00. 

Carmen Fouces anunciou tamén a disposición dunha dotación da Policía Local no Concello, destinada a solucionar eventualidades que se poidan dar no transcurso do Entroido. Fai, en nome do Concello, un chamamento a todo o mundo a que goce das festas pero tendo presente, máis que nunca, que as agresións sexistas, machistas e sexuais teñen que desaparecer da nosa forma de relacionarnos. Pide tamén a colaboración do público en caso de ser testemuña dun suceso desta índole, poñéndose en contacto coa dotación do Concello ou con calquera das patrullas policiais que se encontrarán polas rúas.