As autoridades destacan o "efecto" da covid-19 no aumento de estafas por internet e de malos tratos

Pontevedra
29 de xaneiro 2021

Os delitos de violencia machista ascenderon un 8% nas zonas urbanas que son competencia da Policía Nacional e tamén no rural, vixiado pola Garda Civil, nun 3%

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, preside a Xunta Provincial de Seguridade
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, preside a Xunta Provincial de Seguridade / Subdelegación do Goberno

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu a Xunta Provincial de Seguridade na que se analizaron os datos provisionais do 2020 sobre delincuencia e infraccións penais.

A pandemia da covid-19 tamén se fai notar neste ámbito, porque delitos habituais como roubos en domicilios e comercios reducíronse. Pola contra, increméntanse as estafas leves pola rede e tamén a violencia machista.

Nas zonas de Vigo, Pontevedra, Redondela, Marín e Vilagarcía, que son competencia da Policía Nacional, constatouse un descenso das infraccións penal dun 10,35%. Con todo, os malos tratos subiron un 8%, os delitos contra a liberdade sexual, un 11%; e os delitos leves con tarxetas bancarias disparáronse un 42%.

No lado positivo está que o esclarecemento dos delitos subiu ata o 42,96%, "moi por encima da que se rexistra na comunidade autónoma e no resto do país", subliñou Larriba. Ademais, Pontevedra lidera o ranking das principais cidades da provincia nas que caeu a criminalidade cunha baixada do 17,22%, mentres que en Vilagarcía fíxoo un 15,44% e en Marín un 0,81%.

Pola contra, na demarcación da Garda Civil, as infraccións penais aumentaron un 2,85% no conxunto da provincia.

"A explicación deste incremento téñenas as cifras das estafas na rede, que creceron o ano pasado en máis dun 145%. Son cifras moi altas que fan que as estatísticas xerais lancen ese dato positivo", explicou a socialista. Con todo, o resto de roubos e delitos graves si que descenderon.

En cambio, do mesmo xeito que nas zonas urbanas, no rural tamén se incrementaron os casos de violencia machista, que subiron un 3%.

Na reunión participaron o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Carlos Valcárcel, a comisaria provincial do Corpo Nacional de Policía en Pontevedra, Estíbaliz Palma, e o capitán do subsector de tráfico da Garda Civil, Antonio Pérez Piteira.