As atraccións das Festas da Peregrina cortan ao tráfico as rúas San Roque e Alameda dúas semanas

Pontevedra
09 de agosto 2022

Desde a madrugada deste mércores 10 de agosto ata madrugada do mércores 24 de agosto, quedarán pechadas. O acceso cara á rúa Echegaray efectuarase desde a avenida de Uruguai e os vehículos terán que ir pola rúa Xofre de Tenorio, Martitegui e Maestranza ata a fachada da facultade de Belas Artes. . Durante as festas da Peregrina, Martitegui permanecerá co tráfico en sentido contrario ao habitual 

Feriantes montando as atraccións para as Festas da Peregrina
Feriantes montando as atraccións para as Festas da Peregrina / Mónica Patxot

A partir da madrugada deste martes a este mércores, as rúas San Roque e Alameda quedarán pechadas ao tráfico. Trátase dun corte habitual que se fai cada ano (agás durante a pandemia) para a instalación na zona das atraccións de feira das Festas da Peregrina. 

Estas dúas rúas pecharán durante dúas semanas, desde a madrugada deste mércores 10 de agosto ata madrugada do mércores 24 de agosto.

A instalación das atraccións tamén suporán cambios na circulación polas rúas máis próximas. Así, o acceso cara a rúa Echegaray efectuarase desde a avenida de Uruguai e os vehículos terán que ir pola rúa Xofre de Tenorio, Martitegui e Maestranza ata a fachada da facultade de Belas Artes. .

Durante as festas da Peregrina, Martitegui permanecerá co tráfico en sentido contrario ao habitual. 

Desde a Policía Local e o Concello de Pontevedra aconsellan aos condutores que queiran ir cara aos concellos de Poio, Vilagarcía e a zona de praias do Salnés que collan a autoestrada AP-9 no seu tramo de circunvalación de Pontevedra, entre o Nó do Pino e o Nó de Bombeiros, ou tamén que opten por coller a ponte das Correntes.