Representantes de ao redor de 40 asociacións de Pontevedra coñeceron este xoves as dúas plantas que están destinadas para estes colectivos sin ánimo de lucro no antigo edificio administrativo da Xunta de Galicia en Benito Corbal. O vicepresidente autonómico, Alfonso Rueda, e o director de obra exerceron de guías dos integrantes das asociacións polo edificio que se atopa na fase final das obras.
O edificio, segundo as previsións da Xunta, estará finalizado en marzo e as asociacións ocuparán as plantas terceira e cuarta do inmoble. En total, máis de 600 metros cadrados cada unha. Contarán con 26 despachos e unha sala de reunións modulable.
Alfonso Rueda sinalaba que esperan que antes de que finalice 2018 se publiquen as bases para que as diferentes asociacións poidan presentar unha solicitude ao longo de dous meses e optar a ter un espazo no edifico por un prazo de catro anos, máximo tempo que permite a lexislación. No caso de que haxa moita demanda utilizarase un baremo para decidir que asociacións poderán dispoñer de local neste inmoble.
Segundo o vicepresidente autonómico xa mostraron interese por estas instalacións colectivos de diversos ámbitos como son o sanitario, cultural ou veciñal.
Nos 6.000 metros do edificio situado no centro da cidade contará con oficinas de emprego nos tres primeiros pisos mentres que o cuarto e o quinto serán para estes colectivos. Os catro andares restantes atoparanse a disposición da Universidade de Vigo. O investimento para esta obra é de case cinco millóns de euros.
A fachada contará cun revestimento de aluminio, con dobre acristalamento. Potenciarase a eficiencia enerxética coa utilización dunha caldeira de biomasa, co obxectivo de reducir nun 70% o custo de mantemento en calefacción e iluminación.