As asociacións veciñais de Castelao só aceptarán o peche de Raíña Vitoria se hai un proxecto "obxectivo"

Pontevedra
21 de xuño 2021

Representantes das 18 asociacións veciñais que compoñen a Federación de Veciños Castelao mantiveron a súa primeira reunión desde o estalido da pandemia para analizar a actualidade municipal e ofrecer a súa opinión sobre os problemas que afectan á cidadanía

Juan Loureiro (no centro), presidente da Federación de Veciños Castelao, xunto a Juan José Esperón e Ramón Laxe
Juan Loureiro (no centro), presidente da Federación de Veciños Castelao, xunto a Juan José Esperón e Ramón Laxe / PontevedraViva

A Federación de Veciños Castelao celebrou o primeiro encontro entre representantes das 18 asociacións que a compoñen para analizar a actualidade municipal e os asuntos que afectan á cidadanía. Tras o encontro, a directiva da entidade fixo público o seu posicionamento sobre diferentes asuntos como o peche ao tráfico de Raíña Vitoria, o futuro de Ence ou o mal funcionamento do transporte urbano.

"Se a queren pechar definitivamente haberá que analizalo, pero cun proxecto e datos obxectivos. Non é de recibo pechala para facer un skatepark, non é unha alternativa para o peche. Se a queren manter pechada teñen que decir por que, porque mantela pechada fai que se enchan de coches outras rúas", sinala o presidente da entidade, Juan Loureiro, que evitará posicionarse a favor ou en contra da decisión ata coñecer o proxecto definitivo. 

Relacionado tamén coa mobilidade, a federación veciñal expresou o seu descontento co funcionamento do sistema de transporte urbano da cidade. "Houbo mellora pero é escasa", sinalan os portavoces veciñais que cualifican o servizo de "periurbano" e critican que o trazado das dúas liñas de autobús non estean conectadas cos aparcamentos disuasorios, nin cos centros sanitarios.

Do proxecto de transporte á carta do rural "mellor nin falar porque está moi verde", sinala Loureiro, que rexeita que a empresa concesionaria queira coñecer a situación económica dos usuarios para ofrecerlles o servizo. 

A construción da variante de Alba foi outro dos temas tratados na reunión. A Federación posiciónase ao lado dos veciños de Campañó e rexeitan o proxecto defendido por Xunta e Concello e esixen como a mellor alternativa a supresión ou bonificación da peaxe da AP-9 en Curro. 

Sobre a continuidade de Ence na ría e independentemente do contido da sentenza que se fará pública este martes, os veciños mantéñense firme na súa posición contraria á permanencia da fábrica en Lourizán. "Ten que haber unha solución política para que se traslade dunha vez", sinala Loureiro convencido de que a recuperación da praia de Lourizán xerará máis riqueza para Pontevedra que a pasteira.

Outras conclusións extraídas do encontro entre colectivos veciñais foi o rexeitamento á construción dunha gasolineira na contorna do nó do Pino, o descubrimento inmediato do Gafos ao seu paso por Campolongo en lugar do arranxo provisional da cuberta do paseo, axilizar as obras de Montecelo e destinar a parcela traseira a aparcamento gratuíto, instalar un semáforo e un paso de peóns na recta dos concesionarios da estrada de Vigo e manter o uso sanitario do Hospital Provincial instalando nel unidades de Urxencias extrahospitalarias, servizos de rehabilitación, unidades de saúde mental e hospital de día para persoas dependentes, entre outros usos.