As antigas vivendas dos mestres de Cerdedo terán novos inquilinos a principios de 2022

Cerdedo-Cotobade
24 de febreiro 2021

Ás dúas familias que xa habitan nas antigas vivendas dos mestres de Cerdedo vanse a sumar outras oito a principios de 2022. É a previsión que manexa a Xunta de Galicia, responsable da rehabilitación destas casas que se destinarán a alugueiro social

Obras de rehabilitación das antigas vivendas dos mestres de Cerdedo
Obras de rehabilitación das antigas vivendas dos mestres de Cerdedo / Concello de Cerdedo-Cotobade

Ás dúas familias que xa habitan nas antigas vivendas dos mestres de Cerdedo vanse a sumar outras oito a principios de 2022. É a previsión que manexa a Xunta de Galicia, responsable da rehabilitación destas casas que se destinarán a alugueiro social.

O goberno galego confía en que a segunda fase das obras de rehabilitación quede rematada este verán. A partir de aí corresponderá ao Instituto Galego de Vivenda e Solo tramitar os expedientes para ofertar as vivendas ás familias interesadas.

Esta segunda fase ten un orzamento de 770.000 euros. Permite restaurar oito casas adosadas cunha superficie construída de 102 metros cadrados cada unha e que dispoñen de salón, cociña, cuarto de baño, dous dormitorios e un pequeno xardín individual na parte traseira.

Previamente xa se recuperara, nunha primeira actuación de 353.000 euros, todas as zonas comúns e as dúas primeiras vivendas, que xa están habitadas por sendas familias baixo a mesma fórmula de alugueiro social.

Todas estas casas están emprazadas entre os números 25 e 39 da Rúa das Longas de Cerdedo.

O delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, destacou que este tipo de actuacións axudan a fixar poboación nos concellos rurais do interior da provincia e facilita o acceso a un fogar aos colectivos máis vulnerables.

Ademais desta dobre actuación en Cerdedo, a Xunta tamén está a cofinanciar a reconversión do antigo centro médico de Carballedo en catro vivendas de carácter social.

O Instituto Galego de Vivenda e Solo aporta case o 50% do seu orzamento cunha achega de 192.000 euros, ao abeiro da liña de axudas do programa de rehabilitación de edificios de titularidade municipal.