As ANPAS achegarán suxestións para mellorar a mobilidade nos colexios

Pontevedra
13 de xuño 2022

Que todo o alumnado que teña o seu centro educativo a menos dun quilómetro de distancia realicen este desprazamento a pé con total seguridade. Ese é o traballo conxunto que farán as ANPAS e o Concello no marco do novo Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS)

Xuntanza do concelleiro de Mobilidade coa Fanpa Pontevedra
Xuntanza do concelleiro de Mobilidade coa Fanpa Pontevedra / Diana Eiras

Que todo o alumnado que teña o seu centro educativo a menos dun quilómetro de distancia realicen este desprazamento a pé con total seguridade. Ese é o traballo conxunto que farán as ANPAS e o Concello no marco do novo Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS).

Así o acordaron representantes da federación provincial de asociacións de nais e pais, Fanpa Pontevedra, no encontro que mantiveron co concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez.

Así, serán estas asociacións as que colaboren para detectar os posibles conflitos que poidan existir no ámbito dos seus respectivos centros e sinalar onde é preciso mellorar para que os rapaces e rapazas cheguen ao colexio cunha maior seguridade.

Este foi un dos primeiros contactos que mantén o Concello con colectivos da cidade para presentar o PMUS, que determinará os obxectivos da cidade en materia de mobilidade que se marcan para o futuro inmediato e a medio prazo.

No marco destas presentacións haberá unha serie de actividades divulgativas baixo o lema E ti, en que cidade queres vivir?Serán varias sesións públicas de participación para coñecer a opinión da veciñanza sobre o PMUS de Pontevedra.

Serán o 22 de xuño no Centro Social do Burgo, o 29 de xuño no Centro Social do Gorgullón e o 6 de xullo, no Centro Leste. Os tres encontros serán ás oito da tarde.

Ademais destas tres sesións informativas, tamén están programados dous obradoiros familiares, no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. O primeiro será o 18 de xuño, de 11 a 13 horas, e o segundo, o 2 de xullo no mesmo horario.