Tras o parón obrigado pola pandemia da covid-19, Pontevedra recuperou este ano a procesión do Viático e, para este regreso, o barrio de San Roque luciu espléndido e os fieis envorcáronse. A cita relixiosa resultou moi concorrida e o barrio luciu unha alfombra realizada polas famosas alfombristas de Ponteareas.
O Gremio de Mareantes e a parroquia de Santa María convidaron ás alfombristas para que realizasen un decorado floral igual ao realizado para a festa do Corpus Christi. Elaborárono na tarde do sábado e, con motivo do proceso, a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, acompañounas ata Pontevedra.
Este domingo, a tradicional procesión, coa Comuñón de enfermos e impedidos, percorreu as rúas da parroquia de Santa María e terminou na rúa Irmáns Nodais, onde as alfombristas elaboraran a alfombra, cun deseño dedicado ao Gremio de Mareanes e unha chiscadela ao Camiño de Santiago.
A procesión realízase cada ano na oitava de Pascua, aínda que levaba dous anos suspendida pola pandemia da covid-19. Nela, a comunidade parroquial de Santa María a Maior de Pontevedra leva a comuñón a aquelas persoas que, enfermas ou encamadas, non puideron participar nas celebracións parroquiais de Pascua e comulgar. Para logralo, contan coa colaboración do Gremio de Mareantes.
O Viático é un desfile relixioso evocador do esplendor medieval pontevedrés, que está estreitamente vinculado ao barrio de San Roque, o de maior raíz mariñeira da cidade, e dunha maneira moi especial ao Gremio de Mareantes, que desde o século XII goza dun lugar de privilexio nesta manifestación de fe.
A xornada comezou cunha eucaristía na Real Basílica e unha procesión pola avenida de Santa María, Arcebispo Malvar, San Guillermo, Jofre de Tenorio, Concepción Arenal, Alfonso XIII, Paseo de Colón, Monteleón, Almirantes Matos, Campo da Torre, Juan Villaverde e Irmáns Nodais, para recollerse na capela de San Roque.