O I congreso galego de adopción de Pontevedra celebrarase durante o venres 29 e o sábado 30 de maio no Pazo da Cultura. A idea da celebración deste evento xorde tras o éxito do congreso de AFIN de 2013 en Barcelona. En Pontevedra, a asociación Manaia xunto a Ana González, coordinadora da Casa Azul, pretende celebrar algo máis pequeno, "mais noso", segundo Antón Mouriz Fernández, vicepresidente da asociación Manaia.
O congreso pretende analizar como está en Galicia o mundo adoptivo. Poñendo sobre a mesa cales son as características nas adopcións actualmente, os tempos de espera que afrontan as familias, o número de solicitudes de adopción que existen e as inquietudes que van xurdindo nas familias adoptivas.
A finalidade deste encontro non é dar respostas concretas, xa que segundo Antón Mouriz é imposible. O que se se busca é "abrir camiños, dar momentos de reflexión sobre o fillo adoptivo". Os relatores intentarán coas súas intervencións dar a coñecer mellor o mundo da adopción, como funciona, por que existen tempos de espera tan longos, como afrontar na familia a busca da identidade do neno adoptado...
O que máis preocupa ás familias cando se deciden a adoptar é o tempo de espera. Tempos enormes que van dende un ano ata os 30 anos dependendo do país. Os tempos de espera están a cambiar, pero segundo Antón Mouriz isto non é malo, porque significa que o número de nenos en adopción descendeu. Cando unha familia presenta unha solicitude de adopción para un neno menor a tres anos encóntrase con que non hai e non é que non haxa nenos pequenos, segundo o vicepresidente de Manaia, é que hai miles de familias esperando e a demanda de adopcións é ata 10 veces superior á de nenos que hai en adopción. Ante esta situación, na actualidade as familias que se formulan adoptar deben ter en conta que é posible que a adopción nunca chegue á súa fin.
Tras estes dous días de congresos cuxa programación se pode consultar en paxina web que especialmente se habilitou, celébrase unha 'Xuntanza de familias adoptivas' o domingo 31 dende as 11:00 horas da mañá ata as 20:30 horas no recinto feiral. Segundo Antón Mouriz, este evento é unha especie de festa con xogos, obradoiros, música, actividades e teatro, onde os nenos poden xogar e as familias relacionarse entre elas, trasladando o que se fai dentro da asociación Manaia a todo o mundo.