O Palacete das Mendoza acolleu este luns unha xuntanza da deputada de Turismo da Deputación de Pontevedra, Nava Castro con alcaldes e concelleiros dos municipios da provincia polos que descorre a Vía Mariana así como membros da Asociación Vía Mariana Luso-Galaica.
Esta primeira "toma de contacto" serviu para buscar vías de colaboración para impulsar este percorrido de preto de 400 quilómetros que une os santuarios de devoción mariana desde Braga (Portugal) ata Muxía.
Nava Castro comprometeuse a presentar este camiño en FITUR 2025 e remarcou o interese desta ruta, "que mostra o patrimonio histórico, natural e paisaxístico da provincia e contribúe a diversificar a oferta turística de Pontevedra".
En Pontevedra, a Vía Marina pasa polos concellos da Cañiza, A Lama, Arbo, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Fornelos de Montes, Mondariz, Moraña, Ponte Caldelas, Pontecesures e Valga, sumando na provincia preto de 140 dos seus 380 quilómetros e sete das súas 18 rutas.
É unha combinación de pequenos camiños locais de advocación mariana que van aos principais santuarios portugueses e galegos mediante itinerarios antigos, de devocións a santos milagreiros.
Desde que se comezou a fraguar esta ruta, no ano 2018, a Asociación xa entregou aproximadamente 250 'marianas', é dicir, o diploma acreditativo de ter completado o percorrido enteiro, e nos próximos días, como anunciou a presidenta, María José Silva, presentarán a 'Guía de mochila da Vía Mariana', con recursos e información para os camiñantes sobre as diferentes etapas.
Na actualidade, esta ruta conta con 70 promotores entre institucións públicas e privadas, asociacións, comunidades de montes e particulares.