As 17 bandeiras azuis abren a tempada estival en Sanxenxo

Sanxenxo
29 de xuño 2024

O Concello decidiu organizar o acto central do izado na praia de Areas, un dos areais máis castigados polas inclemencias dos temporais que obrigaron a realizar unha importante actuación para recuperar o leito do río, protexer a duna e devolver o perfil orixinal á praia

Izado da bandeira azul en Areas
Izado da bandeira azul en Areas / Concello de Sanxenxo

As 17 praias de Sanxenxo con bandeira azul xa locen desde este sábado este distintivo. O izado das insignias tamén supuxo que estean operativos os baños e lavapes e supón dar por inaugurada a tempada estival. 

O Concello decidiu organizar o acto central do izado na praia de Areas, un dos areais máis castigados polas inclemencias dos temporais que obrigaron a realizar unha importante actuación para recuperar o leito do río, protexer a duna e devolver o perfil orixinal á praia. 

Ao acto asistiron o alcalde, Telmo Martín, e os concelleiros de Turismo e Seguridade Cidadá e Emerxencias, Juan Deza e Xoán Pérez; e os presidentes do CETS, Alfonso Martínez, e de Aviturga, Dulcinea Aguín.

Telmo Martín destacou que este acto é "moi importante e enmarca o inicio da tempada estival" e lembrou que hai moitos colectivos implicados na consecución destes distintivos.

As bandeiras tamén ondean en A Lapa, Agra, Areas Gordas, Baltar, Bascuas, Canelas, Caneliñas, O Espiñeiro- A Lanzada, Foxos, Major, Montalvo, Nosa Señora da Lanzada, Panadeira, Paxariñas, Pragueira e Silgar.

O Concello deu a coñecer este sábado que realizou sobre 1,2 millóns de investimento nas praias para preparalas para o verán.