O próximo 8 de xullo iniciarase o procedemento para a adxudicación das 132 vivendas de promoción pública que se atopan en construción no polígono de Valdecorvos. Así o anuncia a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Participarán no sorteo das mesmas todas aquelas persoas que en dita data estean inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda ou teñan presentada a súa solicitude de inscrición.
A Comisión Provincial de Vivenda establecerá tamén a data en que se realizará o sorteo das vivendas, que será no mes de setembro, unha vez analizada a documentación.
Este sorteo realizarase por uns sistema de cupos no que se terá en conta o número de dormitorios de cada vivenda e a composición familiar, de maneira que as vivendas de maior superficie se adxudiquen ás familias máis numerosas. Tamén hai seis vivendas adaptadas para o seu uso por persoas con mobilidade reducida.
En total, son 24 vivendas de un dormitorio, 66 vivendas de dous dormitorios, 36 vivendas de tres dormitorios e seis vivendas de tres dormitorios adaptadas a persoas con mobilidade reducida. Todas elas contan con salón-comedor, cociña, baños, praza de garaxe e rocho.
O investimento total previsto na construción destas 132 vivendas achégase, segundo a Xunta de Galicia, aos 14 millóns de euros.