Arturo Sánchez Cidrás xa é fillo adoptivo de Bueu: "É a luz que nos guía"

Bueu
24 de novembro 2024

Nun pleno extraordinario, a corporación municipal recoñeceu a este mestre xubilado, investigador, escritor e xestor cultural pola súa labor como recompilador da historia de Bueu

Nomeamento de Arturo Sánchez Cidrás como fillo adoptivo de Bueu
Nomeamento de Arturo Sánchez Cidrás como fillo adoptivo de Bueu / Concello de Bueu

Un Centro Social do Mar ateigado de amizades e familiares foi testemuña do nomeamento de Arturo Sánchez Cidrás como fillo adoptivo de Bueu.

Nun pleno extraordinario, a corporación municipal recoñeceu a este mestre xubilado, investigador, escritor e xestor cultural pola súa labor como recompilador da historia da vila.

Félix Juncal, alcalde de Bueu, definiu a Cidrás como "a luz que nos guía", un científico investigador que é o "auténtico cronista" do municipio.

Sánchez Cidrás foi, ademais, un mestre que dedicou toda a súa vida ao ensino e a colleitar toda a documentación e saberes "que axudan á memoria individual e colectiva de Bueu", engadiu.

Tras a entrega do agasallo institucional, un diploma conmemorativo, un pin co escudo de Bueu, unha bandeira e un cadro do artista Marc Taeger, Cidrás interveu para agradecer esta homenaxe.

Nomeamento de Arturo Sánchez Cidrás como fillo adoptivo de Bueu
Nomeamento de Arturo Sánchez Cidrás como fillo adoptivo de BueuConcello de Bueu

Durante o seu discurso, Arturo Sánchez Cidrás mostrou a súa emoción porque "sexades testemuños da miña fonda gratitude a Bueu".

O acto completouse cunha actuación musical dos catro netos do homenaxeado e coa proxección dun pequeno vídeo do programa da TVG Anacos de vida no que se explica a súa traxectoria.

Ao remate as persoas asistentes foron agasalladas co libro Arturo Sánchez Cidrás: vogando na cerna da historia, editado polo Concello de Bueu para a ocasión, e no que se recollen lembranzas de amizades, compañeiros de traballo e de vida, así como imaxes de actos e homenaxes.

Con este nomeamento, Cidrás uniuse aos outros fillos adoptivos que ten o Concello de Bueu xa dende hai anos, caso de Fernando de la Rúa, Staffan Mörling ou Juan Veiga.

En paralelo a este acto, tamén se inaugurou unha exposición na Sala Amalia Domínguez Búa na que se recollen obxectos e publicacións relacionadas coa traxectoria de Cidrás no ámbito educativo e da investigación.