Arte reciclada con residuos mariños loce na confraría da Illa de Arousa

O Salnés
24 de outubro 2024

O local da confraría de pescadores San Xulián inuauguraba este xoves esta mostra, realizada por escolares e persoas con discapacidade intelectual. que forma parte do proxecto Amicos Mares Limpo

Exposición de Amicos Mares Limpos con material reciclado na Illa de Arousa
Exposición de Amicos Mares Limpos con material reciclado na Illa de Arousa / Asociación Amicos

O local da confraría de pescadores San Xulián da Illa de Arousa inaugurou este xoves unha singular exposición de arte reciclada creada a partir de residuos mariños, no marco do proxecto Amicos Mares Limpos.

A proposta exhibe obras elaboradas por axentes medioambientais con discapacidade intelectual xunto con alumnado de diversos centros educativos.

Para a súa creación empregáronse materiais recollidos durante varias xornadas de limpeza costeira.

O proxecto Amicos Mares Limpos, cofinanciado por Eurofins Foundations, ten como obxectivo principal a preservación da biodiversidade mariña en Galicia, especialmente nas áreas mariñas protexidas da Rede Natura 2000.

Ao longo da súa traxectoria, desenvolvéronse 28 accións de sensibilización que alcanzaron a máis de mil participantes, e 23 xornadas de limpeza nas que se retiraron 600 quilos de lixo mariño.

Na presentación da exposición participaron o alcalde da Illa de Arousa, Luís Arosa; o patrón maior da confraría, Juan José Rial; a presidenta da OPP20, Inma Rodríguez, e a vicepresidenta de Amicos, Digna Iglesias.

Durante as súas intervencións destacaron a importancia desta iniciativa para a concienciación medioambiental e a visibilización do labor das persoas con discapacidade intelectual na protección do medio mariño.

A mostra, promovida pola Asociación Amicos, permanecerá aberta ao público de luns a venres en horario de 8.00 a 15.00 horas.

Exposición de Amicos Mares Limpos
Exposición de Amicos Mares Limpos Asociación Amicos