Un ano e oito meses despois de que PontevedraViva adiantase a existencia dunha operación urbanística que prevía demoler parte das Galerías Oliva e dous edificios en Gutiérrez Mellado e Michelenaa derriba empezou a facerse realidade.
Na tarde do martes, empezaron as tarefas preliminares para preparar o edificio do número 3 da rúa Gutiérrez Mellado para a súa demolición e este mércores empezaron as tarefas en si para botalo a baixo. En cuestión de horas, empezaran a desaparecer os primeiros muros e xanelas.
Comerciantes de Gutíerrez Mellado confirmaron a este xornal que os traballos se están desenvolvendo con moita axilidade. "Vai rapidísimo", aseguran, e relatan que "entre a mañá e a tarde, o cambio xa foi brutal".
O edificio está valado e con estas tarefas de demolición empezou a desaparecer o tramo das Galerías Oliva que vai pasar a ser historia con este proxecto urbanístico.
As tarefas, por momentos, congregaban a curiosos nas inmediacións, que comentan as tarefas e algunhas das súas curiosidades. Así, por exemplo, relatan que o martes puido verse como os traballadores da empresa sacaban do interior do edificio afectado unha fonte de pedra que chamou a atención de todas as persoas que estaban na zona. "Non sabiamos que houbese nada semellante alí dentro", recoñecen residentes desta céntrica rúa pontevedresa.
Un dos comentarios máis frecuentes na zona é a rapidez dos traballos. "Hoxe foron a toda leite", sinala unha comerciante, que tamén admite preocupación polo po que se poida levantar na rúa por estes traballos.
As obras tamén xeran preocupación entre algúns comerciantes do tramo das Galerías Oliva que non se vai a demoler, o máis próximo á rúa Oliva, pois sinalan que toda a instalación de telefonía de Movistar para os seus negocios está no edificio que está a ser demolido.
Están preocupados porque a conexión a internet é importante para os seus negocios e temen que poida verse afectada. De feito, xa trasladaron a súa preocupación á compañía de telefonía.
Esta operación urbanística xa empeza a cambiar a imaxe da contorna das rúas Gutiérrez Mellado e Michelena, pois a fachada dese edificio está a empezar a desaparecer. O seguinte paso será a demolición do número 11 de Michelena.
O promotor da obra, Hercor Investimentos S. L., contratou como arquitectos directores da demolición a Rogelio Pérez Conde e Antonio Ameijeiras Sánchez, do estudo vigués Espazo B12 Arquitectos. Cíes Atlántico SLU encárgase de coordinar a seguridade destes traballos que executa Obras e Construcións Preda SL.