Arredor de 200 persoas participan na andaina de Asampo para promover unha sociedade máis inclusiva

Pontevedra
13 de novembro 2021

A actividade rematou cunha chocolatada organizada tamén pola concellería de Deportes no marco do programa municipal A Vida é Movernos. Tino Fernandez, concelleiro de Deportes, e o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, asistiron a este evento onde participaron numerosos colectivos da cidade

Participantes na actividade de Asampo co concelleiro de Deportes, Tino Fernández
Participantes na actividade de Asampo co concelleiro de Deportes, Tino Fernández / Concello de Pontevedra

Coa intención de promover unha sociedade máis inclusiva e un maior achegamento entre as entidades sociosanitarias e deportivas de Pontevedra,  Asampo e a concellería de Deportes organizaron unha camiñada este sábado 13 de novembro.

Os participantes tiñan que percorrer 3,7 quilómetros partindo da praza da Peregrina para atravesar a ponte do Burgo, co traxecto da variante da Ruta Xacobea polo paseo peonil da Xunqueira para regresar por Ponte Magueiro, a ponte das Correntes, rúa Arcebispo Malvar e a praza de España. Unha vez alí, os participantes tiveron como premio un chocolate con rosca. O concelleiro de Deportes e o de Benestar Social, Tino Fernández e Marcos Rey, asistiron ao acto, que forma parte do programa municipal A Vida é Movernos.

A asociación Asampo montou un posto informativo para indicar ás persoas que se  aceracaran datos sobre que requisitos precísanse para facerse doantes de órganos. Tamén se instalou unha unidade móbil da Axencia de Doazón de órganos e Sangue (Ados) na Praza de España.

Neste espazo atopábase a tradicional Bolsa dos Desexos. Os desexos depositados, entre os que xa se atopan os de Tino Fernández e Marcos Rey, serán levados no mes de xaneiro a relevos desde a catedral de Tui ata a catedral de Santiago en 24 horas. Quedarán na capela da Corticela, onde os recollerá para acender o botafumeiro.

Nesta iniciativa participaron arredor de 200 persoas das seguintes entidades e colectivos: Asociación Española de Enfermidades Neuromusculares (Asem), Asociación Juan XXIII, Amencer-Rodando, Asociación Española Contra o Cancro (AECC), Asociación de Artrogripose Múltiple Conxénita, a Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes (Anedia), Asociación de Persoas Xordas de Pontevedra, Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais (ASSEII), Amizade, Asociación de Familias con Perthes (Asfape), Asociación de Esclerodermia, Federación Española de Enfermidades Raras, Asociación Sindrome Marfan, Asociación Mónica Vidal e Asociación de Esclerose Tuberosa.