A Deputación de Pontevedra aprobou este martes en Xunta de Goberno o expediente de contratación da redacción do proxecto de rehabilitación arquitectónica e ampliación de Santa Clara.
Segundo informou en rolda de prensa o presidente da administración provincial, Luis López, o orzamento básico de licitación desta actuación ascende a máis de 1,7 millóns de euros e abrangue tanto a redacción do proxecto como a dirección de obra.
Con esta aprobación arrinca o procedemento administrativo da reforma do antigo cenobio das clarisas para converterse no sétimo edificio do Museo de Pontevedra.
O Goberno provincial pensou nun primeiro momento en suspender o concurso internacional de ideas convocado polo anterior goberno, xa que non consideraron axeitado empregar parte dos xardíns de Santa Clara como soto para o depósito non visitable de restos arqueolóxicos. Sen embargo, despois de diversas reunións coa empresa gañadora, Nieto Sobejano, este estudo de arquitectura entendeu a nova posición de elevar o grado de protección de Santa Clara e os seus xardíns, e trala análise dos servizos técnicos da Deputación, que determinaron que modificar o proxecto non invalidaba o concurso, decidiuse que a empresa continuase co proxecto sempre e cando realizase as modificacións pertinentes.
O pasado 18 de xaneiro xa se asinou o inicio este expediente de contratación que hoxe ven de ser aprobado en Xunta de Goberno. A partir de agora ábrese un proceso de negociación entre a Deputación e Nieto Sobejano no que se terá en conta, entre outras cuestións, o mellor prezo ofertado, a presentación dunha solución para a supresión do centro arqueolóxico, a proposta dun espazo de conexión, o respecto aos valores históricos e o acceso ao convento. Una vez rematado este proceso de negociación, a empresa deberá achegar o proxecto de execución da actuación para a reforma do convento.