Na mañá deste venres 17 de marzo iniciábase o encontro de mulleres xornalistas 'As mulleres que opinan son perigosas' no Teatro Principal de Pontevedra. "Un foro de debate sobre o xornalismo, a perspectiva de xénero e o papel das mulleres xornalistas no pasado, no presente e no futuro da profesión", como explicaba na apertura a cofundadora do congreso Susana Pedreira.
A xornalista en Onda Cero Radio incidía nas orixes deste congreso, que nacía en 2018 "como un berro colectivo contra o machismo no columnismo de opinión". Neste sentido, a tamén cofundadora deste encontro Diana Varela amosaba una serie de datos que demostran o camiño que queda por percorrer para que a representación das mulleres nos medios de comunicación sexa equitativa.
Varela aludía a que só o 19 por cento dos artigos de opinión en España están escritos por mulleres. Atendendo aos datos do informe da Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE) de 2023 expuxo que só o 3 por cento das mulleres chega a postos directivos, cando elas ocupan o 45% do cadro de persoal, ou que a fenda salarial entre homes e mulleres nos traballadores do sector da comunicación acadou o 21,5% en 2021.
Na apertura desta 6º edición, xunto ás xornalistas organizadoras, tomaron a palabra o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernádez Lores, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.
O alcalde incidía en que Pontevedra é unha cidade que está na vangarda e "apoiar a loita feminista é estar na vangarda". Lembraba que este é un foro único no Estado e "pola nosa banda, estamos dispostos a mantelo o tempo que faga falta, que semella será moito vendo os datos que hai sobre a mesa á hora de comprobar o número de mulleres que opinan e traballan nos medios de comunicación".
Remataba o acto a presidenta provincial, quen aseguraba que "non se pode consentir" que sendo as mulleres o 60 por cento das persoas tituladas en Comunicación, só o 20 por cento chegue aos postos de dirección.
"Como se explica que non sexamos capaces de superar esa porcentaxe? Creo que é algo gravísimo porque estamos roubándolle ao conxunto da sociedade a metade da voz, e penso que os medios teñen unha responsabilidade en cambiar as cousas", clamaba Silva.
Carmela Silva lamentaba que adoito é a única muller cando se fotografía en actos con representantes de empresas. Deste xeito introducía a reivindicación dunha maior presenza das mulleres nas primeiras páxinas dos xornais. "Se estiveramos no 50 % das portadas, das fotografías desde a páxina dúas á contraportada ou na sección de opinión, a sociedade estaría mellor informada, porque hai moito que cambiar. Non podemos continuar con esas fotos que non representan ao mundo".
A continuación, comezaba o congreso coa representación das voces femininas nos medios locais da man da xornalista e columnista no Diario de Pontevedra Alba Moledo, quen actualmente cursa estudos de doutoramento no eido da investigación en historia do xornalismo feminino.
Mara Torres, María Guerra, Sindy Takanashi, Laura Ferrero, Marta Peirano, Antía Paz ou Rosa María Calaf, entre outras, son algunhas das mulleres que conversarán no Teatro Principal entre este venres 17 e o sábado 18, en sesións de mañá e de tarde.
Rosa María Calaf, histórica correspondente internacional de Televisión Española será a encargada de pechar o congreso o sábado ás 19:30 horas co relatorio "Información, feminismo e liberdade arredor do mundo". Calaf asistía desde o público ao arranque deste encontro.