O arquivo municipal será un "cofre" que estará "totalmente illado" do colexio Froebel

Pontevedra
17 de decembro 2024

Desde o goberno municipal agradecen a "colaboración, paciencia e disposición" do colexio e da ANPA polas molestias causadas polas obras. Quedarán terminadas no primeiro trimestre de 2025

Obras no arquivo municipal de Pontevedra
Obras no arquivo municipal de Pontevedra / Concello de Pontevedra

Protexer o valor "incalculable" dos documentos históricos que atesoura o arquivo municipal de Pontevedra e, ao mesmo tempo, evitar que un posible incendio nas instalacións se estenda ao colexio Froebel, co que comparte edificio.

Ese é o obxectivo das obras de emerxencia que, por valor duns 300.000 euros, puxo en marcha o Concello de Pontevedra neste inmoble con vistas a crear un espazo para o arquivo independente do colexio e protexido contra incendios

Tras comprobar as deficiencias que presentaban as instalacións, o goberno municipal decidiu "racionalizar" estes espazos, segundo explicou este martes a tenente de alcalde, Eva Vilaverde, despois de visitar os traballos que se están executando.

Así, o proxecto inclúe unha serie de actuacións para ordenar os usos que tiña este arquivo e poder compatibilizalo coa outra actividade do inmoble, a do colexio. "Estamos a ter todo o coidado que hai ter", sostivo Vilaverde, para garantir a súa seguridade.

A partir de agora, o arquivo terá un maior espazo evitando que existan "usos cruzados" co colexio e "centrándose todo" no mesmo lugar. A zona de almacenaxe, as oficinas, o almacén e os baños quedarán á beira esquerda, incorporando a zona do vello depósito.

A parte dereita, que dá cara á rúa Alfonso XIII, contará con 150 metros cadrados máis para que o colexio e o arquivo poidan compartir entrada sen molestarse.

O principal labor destas obras de reforma é a de crear un "cofre" ao redor do arquivo para manter a seguridade ante posibles incendios, selando ademais o teito cun illamento que dá tres horas de marxe para que se estenda ao resto de instalacións.

"Queda selado totalmente", explicou Eva Vilaverde, que detallou que tamén se adaptaron os equipos de climatización, as zonas de evacuación ou as portas de emerxencias.

Ademais, o arquivo contará cun sistema automático para apagar incendios "sen necesidade de usar auga" para non danar os documentos que custodia. Así, en caso de incendio salta un gas técnico que reduce o osíxeno no aire, impedindo que o incendio progrese.

Desde o goberno municipal agradeceron a "colaboración, paciencia e disposición" do colexio e da ANPA polas molestias causadas por estas obras que, segundo as previsións, quedarán terminadas no primeiro trimestre de 2025.

A actualización e mellora do arquivo permitirá ao Concello de Pontevedra ter o "espazo necesario" para asumir e gardar toda a documentación en papel que se poida xerar nos próximos anos e que teña un valor histórico que a faga merecedora desa conservación.