O Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra decidiu sobreser provisionalmente a imputación de Julio Araujo pola desaparición da pontevedresa Sonia Iglesias Eirín en agosto de 2010. Segundo publican este sábado La Voz de Galicia e Diario de Pontevedra, o arquivo asinouse este mesmo venres.
O xulgado que levaba a causa é o especializado en violencia sobre a muller. Asumíraa hai pouco menos dun ano, despois de que Julio Araújo fose imputado pola deasparición e por orde da Audiencia Provincial de Pontevedra. Con este auto, que é provisional, considérase que a investigación xudicial non encontrou probas de cargo contra Julio Araújo para desvirtuar a súa presunción de inocencia en relación con este caso, de modo que queda desimputado.
Julio Araújo era, ata agora, o único imputado pola desaparición da que era a súa noiva e nai do seu fillo menor pola súa posible relación coa súa desaparición sen deixar rastro. Unha vez que se sobresé a súa imputación, a causa non se pecha completamente e aínda hai posibilidade de recursos tanto por parte da Fiscalía da Audiencia Provincial de Pontevedra como da familia de Sonia Iglesias, que exerce a acusación particular.
Esta noticia chega cando están a punto de cumprirse catro anos da desaparición de Sonia Iglesias o 18 de agosto de 2010 e tan só uns días despois de que as partes (Fiscalía, acusación e defensa) puidesen visionar os vídeos das cámaras de gravación de seguridade, que forman parte da investigación xudicial, a ver se podía extraerse algunha nova achega neste caso. Non foi así. O avogado de Julio Araújo sinalou que carecen de valor xudicial e neles non se observa ningún dato significativo.
O arquivo da causa xa fora solicitado pola defensa de Julio Araújo en anteriores ocasións. En concreto, o letrado pedia o arquivo parcial da causa no que ten que ver coa imputación do seu cliente, pero non o resto da investigación pola desaparición da nova pontevedresa.