Arquitectos voluntarios ofrecen a súa axuda aos afectados polos incendios

Pontevedra
18 de outubro 2017

Esta vía colaborativa xa conta con máis de 200 inscritos que ofrecen a súa experiencia para realizar revisións de edificacións e construcións afectadas e asegurar aos seus propietarios que poden entrar sen perigo

Manuel Abelleira, presidente da delegación de Pontevedra do Colexio de Arquitectos
Manuel Abelleira, presidente da delegación de Pontevedra do Colexio de Arquitectos / Mónica Patxot

O Colexio de Arquitectos de Galicia habilitou o pasado martes unha listaxe aberta para colexiados dispostos a axudar no proceso de recuperación das familias e a terra galegas tras os incendios que asolan Galicia desde o pasado domingo 15 de outubro.

Os arquitectos amósanse "sobrecollidos e indignados" polas consecuencias destes tráxicos sucesos e o colectivo asegura que ten que solidarizarse coa veciñanza e colaborar ofrecendo apoio ás familias prexudicadas.

A Xunta de Goberno do colexio explica que a reacción do colectivo está sendo "espectacular", e xa se superaron as 200 inscricións. "Debe existir un proceso colaborativo onde todos os arquitectos galegos interesados en axudar ás familias despoxadas dos seus lares teñan unha canle de apoio e comunicación. Moitos queremos e temos mans para ofrecer", destacan, recollendo a proposta da colexiada Elisa Otero Ouro.

Os arquitectos poderán axudar nas revisións de edificacións e outras construcións para que os propietarios vexan se poden ou non entrar no inmoble sen perigo, así como realizar informes, asesorías técnicas e outro tipo de inspeccións e traballos.

Os arquitectos poden inscribirse nesta listaxe a través da web colexial: www.coag.es. Así mesmo, aqueles cidadáns interesados en obter información sobre esta vía colaborativa poden dirixirse ao Colexio de Arquitectos de Galicia a través do enderezo de correo electrónico [email protected].

Do mesmo xeito, os concellos que foron afectados poderán dirixirse ao colexio desde os seus servizos sociais para canalizar e coordinar este voluntariado das arquitectos de Galicia. 

Arquivado en