Da man de Conservas Pescamar, chega unha nova entrega de "A cociña gourmet en conserva" cunha receita que leva como principal ingrediente o bacallau.
O bacallau é un peixe branco que destaca pola súa achega en proteínas, superior á dalgunhas carnes. É un peixe baixo en calorías e en graxas.
As arepas son tortas de masa grosa a base de fariña de millo, de forma circular e aplanada. É un alimento de orixe precolombina, moi popular sobre todo en Venezuela e Colombia, pero con preparacións similares nos países de América Central.
Para preparar unhas deliciosasArepas con bacallau Pescamar usaremos os seguintes ingredientes:
- Ingredientes para 4 unidades:
- 160 g de fariña de millo branco precocida
- 250 ml de auga
- 1 chisco de sal
- Ingredientes para o recheo:
- 1 lata de Bacallau á biscaíña Pescamar
- 6 ovos
- 2 cebolas
- 2 tomates
- 1 pemento vermello
- 2 dentes de allo
- Sal e pementa
- Aceite
Preparación:
Empezamos a preparación da masa das arepas. Para iso, poñemos a fariña co sal nun bol. Formamos un oco no centro e vertemos a auga aos poucos mentres imos amasando ata que se integren todos os ingredientes. O resultado debe ser unha masa lixeiramente húmida e non pegañenta. Se é necesario, rectificamos de auga ou fariña.
Formamos 4 bólas de masa e as aplanamos, cun grosor de aproximadamente un dedo.
Poñemos unha prancha a quentar a alta temperatura. En canto colocamos cada arepa, baixamos a temperatura media. Cociñamos ata que se douren ben por cada lado. Dámoslle un corte transversal a cada arepa sen chegar a partilas e dobramos lixeiramente, con espazo suficiente para posteriormente reenchelas. Reservamos.
Para a elaboración do recheo, cortamos en anacos pequenos as cebolas, os tomates, o pemento vermello e os dentes de allo. Nunha tixola poñemos un pouco de aceite e sofritimos os vexetais. Cando estean feitos, incorporamos o Bacallau á biscaíña Pescamar, esmigallámolo e mesturamos ben co rustrido.
Á parte, batemos os ovos e salpimentámolos. Vertemos sobre o rustrido e cociñamos mentres revolvemos cunha culler.
Con esta mestura, reenchemos as arepas e colocámolas nunha bandexa para servir.
En quince días, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.