A Área Sanitaria lidera a detección precoz do cancro de mama

Pontevedra
19 de outubro 2024
Actualizado: 10:04

O Programa de Detección Precoz do Cancro de Mama na Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés alcanzou cifras récord cun total de 24.400 mulleres de entre 50 e 74 anos sometidas a mamografías

Sala de mamografías na Parda
Sala de mamografías na Parda / Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés

O Programa de Detección Precoz do Cancro de Mama na Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés alcanzou cifras récord o pasado ano cun total de 24.400 mulleres de entre 50 e 74 anos sometidas a mamografías.

Delas, 16.635 foron exploradas en Pontevedra, o que representa un 82% da poboación diana do distrito do programa, e outras 7.792, o que supón o 87,2%, no Salnés.

Grazas a esta iniciativa, detectáronse 47 casos, 35 deles no distrito de Pontevedra e outros 13 no Salnés.

"Este diagnóstico precoz", indican desde a Consellería de Sanidade, "é fundamental, xa que aumenta significativamente as posibilidades de curación, chegando a superar o 95% nos casos máis temperáns".

Para conseguilo, a Consellería despregou unha ampla rede de unidades de exploración en centros de saúde e hospitais da provincia, como o da Parda, en Pontevedra; o do Salnés, en Vilagarcía de Arousa, e o do Meixoeiro, en Vigo.

Ademais, crearon unidades de avaliación radiolóxica, onde especialistas len as mamografías de forma independente, garantindo así a máxima precisión nos resultados.

As mulleres de entre 50 e 74 anos son citadas periodicamente cada dous anos e reciben os resultados das probas de forma áxil, xa sexa por SMS ou por carta certificada. En caso de detectar algunha anomalía, ofréceselles un seguimento personalizado en unidades de diagnóstico e tratamento.

O obxectivo principal do programa é reducir nun 25% a mortalidade por cancro de mama. Grazas á mellora continua da infraestrutura e a participación das mulleres, lograron aumentar a eficiencia do sistema e ofrecer un servizo de maior calidade.