Preto de millón e medio de euros custará a creación dun campamento turístico composto por dez cabanas de madeira que se construirá nun lugar anexo ao complexo termal dos Baños de San Xusto, en Cerdedo-Cotobade.
O proxecto construtivo foi encargado á UTE Cristina García Fontán OL Arquitectura, segundo informou este xoves o goberno municipal.
A intervención está prevista que se realice sobre quince parcelas que suman un total de 9.367,04 metros cadrados de solo non urbanizable de protección forestal.
Neles, garantiu o alcalde, Jorge Cubela, aplicaranse de xeito "ríxido e escrupuloso" as normas subsidiarias e a normativa relativa ao ordenamento de campamentos con destino turístico.
Así, as dez cabanas, que se construirán en madeira, non superarán os sete metros de altura e non se farán movementos de terra maiores de tres metros.
Conservaranse os peches existentes nas parcelas orixinais e prevese o peche perimentral con corda sobre postes de madeira fincados no terreo.
Ademais, poranse en valor os antigos camiños veciñais existentes e integraranse de tal xeito que formen parte da zona de paseos peonís para os usuarios das cabanas.
Tanto as edificacións como a urbanización buscarán a mínima intervención e o mínimo impacto polo que se optará polo uso de cubertas planas vexetais, xa que se trata de crear un espazo harmónico, ideal para o contacto directo coa natureza e de respecto co medio ambiente.
Para o saneamento, a iniciativa propón a construción dunha lagoa de depuración con microfitas na parte baixa da parcela, mentras que as cabanas repartiranse sobre o terreo dun xeito harmónico e simbiótico coas árbores existentes.
A urbanización será suave e mínima para cumprir coa normativa de campamentos turísticos e as cabanas estarán deseñadas para acoller catro persoas cada unha, dispoñer de conexión ao subministro eléctrico, auga fría e quente e sistema de climatización por aerotermia.
A zona de estacionamento de vehículos estará situada no límite da parcela, nun lugar separado das cabanas e acotado para evitar que o tráfico rodado se achegue á zona de confort e habitabilidade deste campamento turístico.
ZONA DE RECEPCIÓN, CAFETERÍA E PISCINA
Tamén se contempla dotar ao complexo dunha piscina, na parcela denominada Caldas. Nesta zona é probable que se poida atopar un afloramento de auga termal dada a súa proximidade aos Baños de San Xusto para o que sería necesario facer un estudo xeotécnico axeitado.
A piscina será coa mínima intervención posible, nun plano continuo de madeira e un vaso pétreo.
O volume de recepción continua con esta necesidade de sinxeleza e así un pavillón organizará as estancias para permitir o seu uso como cafetería, recepción e espazo de encontro.