Arden materiais dunha mesa de traballo nunha nave industrial en Vilagarcía de Arousa

O Salnés
28 de xuño 2022

Segundo a información recollida no 112 Galicia, arderon os filtros dunha máquina situada no soto da empresa, onde os servizos de emerxencia contiveron o lume para evitar a súa propagación sen que ningunha persoa resultase ferida nin afectada, tampouco se produciu ningún tipo de contaminación

Parque de Bombeiros de Vilagarcía de Arousa
Parque de Bombeiros de Vilagarcía de Arousa

Os equipos de intervención extinguiron, na tarde deste martes, un incendio orixinado nunha mesa con produtos para a fundición de metal nunha empresa situada no Polígono Industrial de Rubiáns, en Vilagarcía.

Segundo a información recollida no 112 Galicia, arderon os filtros dunha máquina situada no soto da empresa, onde os servizos de emerxencia contiveron o lume para evitar a súa propagación sen que ningunha persoa resultase ferida nin afectada, tampouco se produciu ningún tipo de contaminación.

Os bombeiros confirmaron que a situación fora controlada de forma inmediata grazas á rápida actuación dos traballadores da empresa.

Preto do seis menos cuarto desta tarde, o 112 Galicia recibía o aviso dos profesionais sanitarios para informar da mobilización de dúas ambulancias, tras recibir a chamada dunha persoa particular que alertaba dun incendio no interior dunha nave industrial, na estrada de Vilagarcía cara a Pontevedra, ao seu paso pola parroquia de Rubiáns.

A partir de aí, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Vilagarcía, dos membros do Servizo Municipal de Emerxencias da localidade, da Policía Nacional e Local.