Un incendio rexistrado sobre as dúas da madrugada calcinou unha montaña de postes de madeira e afectou o frontal dun camión e o revestimento dun muro.
Sucedeu no exterior dunha nave sen actividade no lugar da Moreira, en Marín, na madrugada deste luns a este martes.
Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, arderon entre 30 ou 40 postes amoreados no exterior da nave.
Foi a Policía Local de Marín a que deu aviso ao 112. Os axentes indicaron, desde o lugar dos feitos, que o lume consumía unha montaña de postes de madeira moi preto dunha vivenda.
O incendio mantivo en alerta os veciños, que saíron con mangueiras para tratar de evitar que ese incendio rematase por afectar á casa.
A actuación veciñal serviu para protexer o inmoble ata a chegada dos bombeiros, que logo finalizaron a extinción sen danos persoais.
Desde o 112 Galicia, solicitouse a intervención dos Bombeiros de Pontevedra e O Morrazo, que acudiron en paralelo. Dado que a situación estaba controlada, só chegaron a intervir os efectivos do parque de bombeiros de Bueu.