Árdelles o coche na ponte de Rande despois de estar a facer "trompos" en Poio

Poio
03 de decembro 2019

O condutor foi detido como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria. Ademais ao condutor fóralle retirado o permiso de condución nunha sentenza xudicial

Ponte de Rande
Ponte de Rande / Mónica Patxot

Ás 7.30 horas deste martes o incendio dun coche na metade da ponte de Rande complicou o acceso á cidade de Vigo a numerosas persoas que circulaban pola autoestrada AP-9 a esas horas da mañá. As retencións prolongáronse ata as 8.30 horas, aproximadamente.

Cando a Garda Civil de Tráfico acudiu ao lugar do sinistro atopáronse ilesos aos dous ocupantes do automóbil accidentado. Os axentes do subsector de Tráfico de Pontevedra procederon á detención destes dous individuos cando se afastaban andando do seu coche en lapas.

Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, o condutor foi detido como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria, igual que o seu acompañante, xa que antes do incendio do turismo estiveron a facer "trompos" co seu coche en Poio.

Ademais ao condutor fóralle retirado o permiso de condución nunha sentenza xudicial.

Os Bombeiros do Morrazo extinguiron o incendio. O coche quedou totalmente calcinado despois de circular a gran velocidade e durante un longo treito cunha roda picada.

Estes dous homes, residentes en Vigo, foron postos xa en liberdade.