Consumido no lume. Así se despediu, como marca a tradición, o Loro Ravachol do Entroido pontevedrés. Apenas cinco días despois de regresar á cidade, o irreverente paxaro sucumbiu a unha festa que, tras a incineración do seu emblema, se despide ata 2023.
Debido á pandemia, iso si, a despedida de Ravachol foi algo máis sobria que anos anteriores. Non puido celebrarse o habitual velorio e a fogueira que acabou co loro desenvolveuse na Praza de España, en lugar de na Ferrería.
A pesar diso, unha pequena comitiva fúnebre si acompañou ao loro, que durante toda esta semana recuperou o seu sitio na Peregrina, ata o seu lugar de incineración.
Ata alí desprazáronse centos de pontevedreses para darlle o último adeus a un Ravachol ao que nin sequera as tres doses da vacina da covid-19, a vestimenta elixida para a ocasión, salváronlle do seu caloroso destino.
Nesta última xornada do Entroido pontevedrés, a programación festiva incluiu tamén a recreación da antiga botica de Perfecto Feijóo, que estivo amenizada coa música da charanga Boa Vila e da agrupación de música tradicional Os Alegres.
Ademais, as murgas que participaron no concurso celebrado o pasado xoves percorreron en sesión vermú as principais prazas do centro histórico, interpretando as coplas que tantos e merecidos aplausos arrancaron durante a competición.