Arde a casa abandonada de Casimiro Gómez na que en xuño houbo un apuñalamento

Pontevedra
23 de setembro 2024

A cidade de Pontevedra espertou este luns cun incendio urbano. Ardeu completamente unha casa abandonada situada entre as rúas Casimiro Gómez e José Malvar. Os bombeiros de Pontevedra acudiron a extinguir as lapas deste incendio que se iniciou sobre as oito da mañá.

Arde unha casa abandonada na rúa Casimiro Gómez /

A cidade de Pontevedra espertou este luns cun incendio urbano. Ardeu completamente unha casa abandonada situada entre as rúas Casimiro Gómez e José Malvar.

Os bombeiros de Pontevedra acudiron a extinguir as lapas deste incendio que se iniciou sobre as oito da mañá.

Segundo informaron os particulares que chamaron ao 112 Galicia, trátase dun inmoble abandonado, aínda que nos instantes iniciais non podían descartar que houbese persoas afectadas. Minutos despois das 8 horas, as primeiras persoas en alertar aos servizos de emerxencia sinalaban que as lapas alcanzaran unha altura importante.

Desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 de modo preventivo, aos Bombeiros de Pontevedra e aos axentes da Policía Nacional e Local.

Esta é a mesma casa onde tivo lugar o pasado mes de xuño un intento de homicidio cando un mozo indixente cortou o pescozo cun cúter a un compañeiro. O agresor atópase en prisión provisional acusado de tentativa de homicidio.

Segundo informaron fontes oficiais da Policía Nacional, este luns había unha persoa dentro da casa no momento no que se iniciou o lume. Esta persoa saíu da casa polo seu propio pé sen que fose necesario un desaloxo.

Ás dúas da tarde aínda seguían os bombeiros traballando na zona xa que a casa era de madeira por dentro e ardeu completamente. Por este motivo a policía científica non puido entrar para investigar as causas do lume.